O Cluster da Comunicación Gráfica de Galicia entrega en Ourense os Premios Paraugas

O Cluster da Comunicación Gráfica de Galicia entrega en Ourense os Premios Paraugas

4 de novembro de 2016

O Cluster da Comunicación Gráfica de Galicia entregou no recinto feiral de Expourense os I Premios Paraugas, que xorden co obxectivo de recoñecer publicamente o saber facer das empresas e dos profesionais que traballan en toda a cadea de valor da comunicación dentro da nosa Comunidade Autónoma. Ás18 categorías de premios que se estableceron optaron un total de 480 candidaturas, “todo un éxito de participación” tal e como salientou o presidente do Cluster, Xosé Luis Reza.

No eido do marketing entregáronse tres premios. O galardón á Mellor Estratexia/Acción de branding foi para Abanca (pola súa campaña “O importante”); o premio á Mellor acción relación/escoita ao cliente foi para a marca de restauración Furancho Galician Food e a distinción á Mellor estratexia de acción/produto foi para Ingapan Rodanos.

No ámbito de creatividade distinguise co premio á Mellor Creatividade Gráfica a C42 mentres que a Mellor Creatividade Audiovisual foi para Inditex Sustanability e o Premio Paraugas á Mellor Idea Integrada-Cross Media foi para a campaña 110 Etiquetas de Estrella Galicia.

No apartado da comunicación entregouse un primerio premio á Mellor Estratexia de Comunicación Externa, que foi a parar a Punto e seguido, mentres que a distinción á Mellor Estratexia de Comunicación Interna foi para Join. Finalmente, o portal especializado na busca de emprego Galejobs fíxose co Premio Paraugas á Mellor Práctica de Comunicación en RSE.

O apartado de deseño incluíu tres categorías. A primeira, a de Mellor Deseño Gráfico, premiou a campaña desenvolvida polo Concello de Santiago para loitar contra a lacra da violencia machista, Compostela en Negro. A segunda, o galardón ao Mellor Deseño Industrial, foi para Lusi e, finalmente, o Premio Paraugas ao Mellor Deseño Dixital recaeu en Vieiros.

En artes gráficas, gañou Senssia o Premio ao mellor catálogo publicitario. Xunto a isto, o galardón ao Mellor Libro Editado foi para El Camino Francés en el Códice Calixtino. Finalmente, a categoría de mellor formato PLV quedou deserta.

Por último, no eido editorial distinguise co Premio Paraugas ao mellor libro (polo seu contido) a obra Netiqueta e o galardón ao Mellor Editor foi para a empresa Bolanda. Quedou deserto o Premio Paraugas ao Mellor Autor.

Premios honoríficos

Ademais, dous profesionais de recoñecido prestixio internacional recibiron cadanseu premio honorífico pola súa su traxectoria na posta en valor do desenvolvemento e posicionamento de marcas. Foron o presidente do Foro de Marcas Renombradas Españolas e presidente de Freixenet, José Luis Bonet, e o recoñecido publicista español Marçal Moliné.

A entrega de premios contou co patrocinio da Deputación Provincial de Ourense e coa colaboración de entidades como Expourense, Avante Comunicación, Tac, Galicia Calidade, Atlántica Centro de Arte, Asociación cultural Camiño San Andrés de Teixido, Aceites Abril e o Consello Regulador do Ribeiro.

Ao acto asistiu un nutrido grupo de profesionais de toda Galicia, entre os que se atoparon directivos de marketing e comunicación de destacadas empresas, así como de axencias de publicidade, deseñadores das artes gráficas e editores, e outros expertos destes campos, que contribúen co seu traballo a fomentar a competitividade galega no eido da comunicación.