Un total de 34 proxectos optan aos XI Premios Paraugas, os galardóns cos que o Clúster da Comunicación de Galicia recoñece o talento e o traballo da industria da comunicación e do márketing galego. As propostas finalistas, anunciadas hoxe en Ferrol, suman 39 candidaturas nas trece categorías da convocatoria e no Premio Estudantes. Os gañadores daranse a coñecer o próximo 13 de novembro, durante a gala que acollerá o Teatro Jofre. Unha das novidades da edición é que por primeira vez esta gala emitirase en directo en Agalega, a plataforma de contidos da CSAG.
O Salón de Recepcións do Concello de Ferrol acolleu a presentación oficial desta edición, coa participación de José Manuel Rey Varela, alcalde de Ferrol; Marta Ferro, presidenta do Clúster da Comunicación de Galicia; Martina Aneiros, delegada territorial da Xunta en Ferrol; e Valentín García Gómez, secretario xeral da Lingua. Ao encontro e á foto de familia sumáronse José Antonio Álvarez Vidal, presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao; Óscar López Fernández, director da Zona Ferrol/Ortegal, en representación de ABANCA; e unha representación da Xunta Directiva do Clúster e das súas entidades asociadas.
«O sector cambia e os Paraugas evolucionan con el. Queremos recoñecer a diversidade do talento galego e facer visible o valor que a comunicación, o deseño e o márketing achegan ás empresas e á sociedade», sinalou Marta Ferro.
A presidenta do Clúster explicou que a nova estrutura permite distinguir mellor as achegas de cada disciplina. O deseño gráfico e o dixital contan con categorías diferenciadas e incorpóranse recoñecementos específicos para ámbitos como as redes sociais e a comunicación. Ademais, os premios poñen o foco na eficacia das estratexias, na construción de marca e na capacidade dos proxectos para xerar un impacto positivo.
Entre as novidades figura tamén unha categoría dedicada ás accións vinculadas a Galicia, coa que se recoñece a contribución da comunicación e do márketing á promoción da identidade, da lingua, da cultura e do territorio. O Premio Estudantes mantén, pola súa banda, a aposta por dar visibilidade ao talento que se incorpora á profesión.
Proxectos para grandes marcas e talento das catro provincias
Entre os finalistas figuran proxectos para marcas como Estrella Galicia, Fnac, Gadis, Feiraco ou o R. C. Deportivo da Coruña. É o caso de Hielo Estrella Galicia, de Imaxe, Havas Media e Evercom, seleccionado en idea creativa e campaña publicitaria; das propostas de Recados Carmen para Fnac, con Dumbphone en idea creativa e Menos Smart en campaña publicitaria e comunicación; ou de idealo x La Velada del Año VI, de Brutal Studios, que opta aos premios de redes sociais e eficacia en márketing. A selección inclúe tamén Lenzos, as letras en cor e Mucho que contar, de Nasas para Gadis; a nova identidade do Deportivo; e iniciativas culturais e musicais como O Son do Camiño, de Esmerarte.
A relación de finalistas reúne axencias e estudos das catro provincias galegas, con propostas de Nasas, na Coruña; Atalaya Comunicación, en Lugo; Casa Pransa, en Ourense; e Chachachá Studio, en Vigo, entre outras. Os seus traballos amosan a variedade de ámbitos que recoñecen os premios: desde as campañas de Nasas para Gadis ata Morte segura, de Atalaya Comunicación para Serfuja, finalista en impacto positivo; Mar de Santiago, de Casa Pransa, en creación ou estratexia de marca; e SUS-SOIL: infografía animada, de Chachachá Studio, en deseño dixital.
A selección correu a cargo dun xurado integrado por quince profesionais vinculados a Galicia e presidido pola directora creativa executiva Xisela López, que reúne experiencia en creatividade, deseño, comunicación, medios e eventos.
Un recoñecemento ao compromiso co deseño
A gala do 13 de novembro acollerá tamén a entrega do Premio Paraugas de Honra Galicia Calidade a José María Fonseca Moretón, impulsor da Bienal Internacional de Cartelismo Terras Gauda – Concurso Francisco Mantecón. O Clúster distingue o seu compromiso coa promoción, o recoñecemento e a posta en valor da creatividade e do deseño, coincidindo co 25 aniversario do certame, que reuniu ao longo da súa historia 23.300 carteis de creadores de 107 países.
Marta Ferro situou os Paraugas dentro do traballo continuado do Clúster para promover a industria, favorecer a súa conexión con outros sectores e reforzar o recoñecemento dos seus profesionais. Neste contexto, destacou tamén a próxima celebración de Fío: Foro do Clúster da Comunicación o venres 6 en A Coruña, un novo espazo de encontro con mesas de traballo participativas para escoitar o sector, analizar os seus principais retos e definir liñas de actuación compartidas.
Os XI Premios Paraugas están organizados polo Clúster da Comunicación de Galicia e contan coa Xunta de Galicia, Galicia Calidade, Xacobeo 2027 e o Concello de Ferrol como aliados institucionais estratéxicos; coa Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao e a Deputación da Coruña como entidades colaboradoras; e con Raiola Networks, CESUGA, Estrella Galicia, ABANCA, Vandal e tac! como patrocinadores colaboradores. Markea, Creatividade Galega, Dircom e OPC Galicia participan como colaboradores sectoriais, mentres que a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia e Servizos Gráficos colaboran coa iniciativa.
