
O Clúster da Comunicación de Galicia presenta o programa de Fío, o seu primeiro foro sectorial, que se celebrará o próximo venres 6 de novembro no Espacio Avenida ABANCA da Coruña. A xornada, de 9.30 a 14.00 horas, busca escoitar as empresas e profesionais da comunicación e do márketing, analizar as súas preocupacións e recoller propostas que orienten as próximas liñas de actuación da entidade.
O programa dará un protagonismo especial ás persoas asistentes a través de catro mesas de traballo participativas. Nelas poderán compartir experiencias, identificar necesidades e propoñer solucións arredor do valor estratéxico e o prezo dos servizos de comunicación; a competitividade e o mercado; os clientes e as novas oportunidades; e o talento, a tecnoloxía e a transformación. O obxectivo é tirar do fío dos retos comúns e avanzar en respostas construídas desde o propio sector.
A xornada incluirá tamén a presentación do Informe de competitividade da comunicación, concibido como unha ferramenta de coñecemento estratéxico sobre o sector en Galicia. A súa presentación achegará unha base de análise para anticipar retos e orientar decisións nun mercado en transformación.
A continuación, a mesa redonda «O pulso do sector» reunirá a Pepe Cabanas, presidente de Markea; Julián Abad, presidente de Creatividade Galega; Tesa Díaz-Faes, presidenta de Dircom Galicia; e Marta Guimaraens, vicepresidenta de OPC Galicia. Domingo Torrón, vicepresidente do Clúster, moderará este intercambio de perspectivas sobre o presente e o futuro da comunicación.
Tras un café para favorecer o encontro entre participantes, desenvolveranse as mesas de traballo. O foro rematará cunha posta en común das conclusións, coa participación da Xunta Directiva do Clúster, para recoller os retos identificados e abordar os próximos pasos.
A participación está aberta tamén a persoas e empresas non asociadas ao Clúster, mediante inscrición previa no formulario habilitado pola organización. Fío é un proxecto cofinanciado polo Igape e conta coa colaboración de Markea, Creatividade Galega, Dircom Galicia e OPC Galicia.
Para asistir é necesario cubrir o formulario de inscrición.
