Volve Beerfing, o encontro da creatividade galega en formato pitch&beer

O Clúster da Comunicación de Galicia e Creatividade Galega celebran este xoves, 16 de outubro, unha nova edición de Beerfing, o encontro “pitch&beers” que converte MEGA —Museo Estrella Galicia— no epicentro da creatividade galega. De 16.30 a 21.00 h, profesionais, estudantes e marcas reuniránse para compartir tendencias, descubrir proxectos e acender conexións reais, con visita ao museo, obradoiro de tiraxe perfecta e un final de petiscos & networking. O encontro volverá celebrarse con grande éxito de asistencia, xa que todas as prazas están esgotadas.
A xornada arrancará coa presentación do Anuario da Creatividade Española 2025 do Club de Creativos (C de C), a cargo do seu director xeral, Curro Palma, debullando claves e achados dun anuario cheo de deseño, emoción e inspiración. A continuación, a tarde despregará o seu bloque central en tres momentos potentes: unha Entrevista Estrela a Pepa Rojo, presidenta do C de C, conducida por Santi Romero (Verve Creative Group); unha charla de inspiración, The future is human, con Patricia Urgoiti (strategy director en DAVID Madrid), para reivindicar emoción e eficacia como motor das marcas; e un caso de éxito asinado desde Galicia por Sara Piñeiro (As Peaky Branders), baixo o título A campaña que se le en costas. Ou como conseguir que fale de ti a túa competencia, unha mostra de enxeño con impacto sobre a campaña que realizou a axencia na cidade de Vigo.
Ademais de contidos que poñen en relevo as tendencias, o futuro e as ideas na publicidade, Beerfing propón unha experiencia para os sentidos: mini tour por MEGA e obradoiro de tiraxe de caña, antes dun peche no que o networking acontece de verdade —ideas que se cruzan, equipos que nacen, colaboracións que comezan—.
Beerfing VIII conta co patrocinio de Estrella Galicia e a cofinanciación do IGAPE, coa colaboración de Cactus Digital, Reclam, DAVID Madrid e As Peaky Branders.


