Un xurado de profesionais consagrados da comunicación, o márketing e a publicidade avaliará aos finalistas dos Premios Paraugas

Os Premios Paraugas dan a coñecer ao xurado da súa IX edición, un equipo de profesionais con traxectorias consagradas en Galicia que avaliarán as propostas dos finalistas. O Clúster da Comunicación de Galicia organiza o 22 de novembro en Ferrol estes galardóns, que poñen en valor os mellores traballos da comunicación, o márketing e a publicidade en Galicia, englobando tamén ámbitos como a impresión ou os eventos. Os finalistas anunciaranse proximamente e un xurado de 14 profesionais será o encargado de valorar as propostas.

Como novidade nesta IX edición será un xurado único que valorará todas as categorías -impresión, deseño, creatividade, comunicación, eventos e márketing- un equipo diverso e de gran experiencia que conta con Chechu Pérez, presidente de honra de Creatividade Galega e profesor na Universidade de Vigo como presidente. María José Mariño, directora da área de Talento e Transferencia de GAIN Axencia Galega de Innovación será a secretaria. Completan o xurado Nuria Casal, profesora de Artes Gráficas no Colexio Hogar Afundación; Enrique Anta, director comercial de Impresionanta; María Lozano, asesora na Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia; Nuria Carballo, directora Creativa, deseñadora e fundadora de Unconventional London e Nuria Carballo Studio; Carlos Álvarez, cofundador e director creativo de Femür Project; Santiago Romero, socio fundador e creativo en Verve; Sergio Coouto, director de márketing de Cupa Stone; Cristina Bello, directora de márketing de Sutega; María Montero, responsable de comunicación do grupo Profand; Pedro Linares, xerente en Villafañe I A Roman Company; Teresa Fandiño, directora de Nova de Congresos e Sara Castellanos, Directora de Marketing e Eventos en Quincemil e Treintayseis.

Ademais, por primeira vez outorgarase nos Premios Paraugas un Premio do Público, no que se poderá participar a través da páxina web do evento unha vez anúnciense os proxectos finalistas. En total entregaranse durante a gala 18 galardóns, entre os que destaca o Paraugas de Ouro, considerado o máis grande do certame, xa que se outorgará ao proxecto que destaque de forma especial por encima dos seus competidores, de calquera categoría.

O Clúster da Comunicación de Galicia organiza este certame desde o ano 2016 e con el búscase poñer en valor a calidade do traballo feito desde a comunidade, así como enxalzar a función da creatividade, o deseño, a impresión, a edición, o márketing, a comunicación e os eventos como medio para aumentar a competitividade e a capacidade de innovación do tecido empresarial de Galicia. Neste sentido, os diferentes premios valorarán a aqueles traballos ou estratexias de creatividade que destacan pola súa innovación, funcionalidade, boas prácticas e resultados obtidos.

O Clúster da Comunicación de Galicia

O Clúster da Comunicación de Galicia ten o obxectivo de reunir aos profesionais do sector, a toda a cadea de valor da industria en Galicia, poñendo en valor ás súas empresas e profesionais do márketing, comunicación, deseñadores, creativos, axencias de publicidade, axencias de medios, eventos ou impresores. Actualmente está integrado por 233 entidades, entre as que se atopan empresas, asociacións e centros tecnolóxicos ou de formación.