Remata a sexta edición do Flúor

O congreso de márketing Flúor pechou a súa sexta edición con talleres sobre como empregar a intelixencia artificial no arte e as últimas innovacións en ecommerce

O congreso de márketing Flúor pechou hoxe a súa sexta edición cunha programación centrada na innovación con talleres, relatorios e sesións de encontros entre estudantes e empresas. Durante a xornada do xoves 30 xa pasaron pola sede de Afundación profesionais de gran prestixio como Luis Bassat ou Toni Segarra, recibidos por un público que encheu o auditorio. 

A mañá do venres 31 dedicouse a varios obradoiros, para dar a profesionais e estudantes as últimas ferramentas do sector e crear espazos de reflexión sobre a situación actual da publicidade, márketing e comunicación. Dende Asomados relataron como crear estratexias dixitais para Tik Tok ou Mobile marketing, sendo este un dos grandes desafíos para as marcas na actualidade. Por outra banda, dende Ingenio Media abordaron outro destes desafíos, neste caso o de esquivar mercados saturados e lograr o éxito dunha marca. 

Chuwi Chuwai, director de arte e experto no uso da intelixencia artificial no deseño, explicou como empregar esta ferramenta de xeito beneficioso para os creadores, poñendo no centro algunhas das preguntas que expón esta tecnoloxía, como: pode a IA sustituir ao artista?

O último taller, impartido por Emanuele Ricciotti, da empresa Clickage, foi sobre os modelos de márketing mix e como optimizar estas campañas. 

Ademais, esta xornada tivo momentos moi especiais para os alumnos que pasaron polo congreso, xa que poideron participar nun speed dating, que consistía en ter encontros con empresas nos que, nuns minutos, tiveron que mostras as súas fortalezas como futuros profesionais. 

A mañá rematou con grandes referentes do ecommerce, reflexionando sobre as estratexias e ferramentas, como a propia intelixencia artificial, que se poden empregar hoxe en día para facer crecer un negocio online, ademáis de falar dos seus riscos. Baixo esta premisa subiron ao escenario Roberto Fraga, CEO de Pilgrim; Ergín Kamberov, CEO de Embermind Technologues e Jorge Álvaro López, Digital Strategic Manager en Adidas.

Pechou o congreso ‘A prórroga do Flúor’, unha mesa redonda informal con anécdotas e reflexións sobre contidos virales coa participación de Gael García, responsable de contidos de RC Celta; Claudia Montojo, creativa de Mardy Bum; Berto Graña, responsable de redes sociais de Feeberse e Pedro J. Caffa, Social Media manager en FIFA. A mesa estivo moderada por Javi Díaz, CEO de Innatial Developers e Mardy Bum.

O Clúster de Comunicación de Galicia, que agrupa a 233 empresas e axencias, organizou este evento co obxectivo de situar a Pontevedra como un enclave referente á hora de falar das últimas tendencias na industria e reivindicar a importancia do sector da comunicación, o márketing e a publicidade en Galicia. 

O evento foi patrocinado polo Concello de Pontevedra. Tamén contou co apoio da Xunta de Galicia, Abanca, Recados Carmen e Raiola Networks, e a colaboración da Deputación de Pontevedra, Avante Medios, Ofiprecios, Sutag e Mardy Bum.

O Clúster da Comunicación de Galicia: a cadea de valor da industria reunida

Flúor é unha das iniciativas que leva a cabo o Clúster da Comunicación de Galicia, co obxectivo de reunir aos profesionais do sector nun evento que sirva de inspiración e referencia. O Clúster reúne a toda a cadea de valor da industria en Galicia, poñendo en valor ás súas empresas e profesionais do márketing, comunicación, deseñadores, creativos, axencias de publicidade, axencias de medios, eventos ou impresores. Actualmente está integrado por 233 entidades (empresas, asociacións e centros tecnolóxicos ou de formación), entre as que se atopan Markea, Asociación Galega de Marketing, OPC Galicia, Creatividade Galega e Dircom, Asociación de Directivos de Comunicación.