Programación completa do congreso de márketing Flúor
Programación completa do congreso de márketing Flúor: mesas redondas, relatorios, talleres e networking para a industria da comunicación en Galicia
O congreso de márketing Flúor regresa a Pontevedra os días 30 e 31 de maio. A sede de Afundación congregará a algunhas das voces máis relevantes do sector da publicidade e creatividade. Ademais, será o punto de encontro da industria galega, con conferencias, talleres ou espazos de networking. As entradas atópanse á venda na web do congreso.
O congreso de márketing Flúor é un dos eventos máis importantes do sector, pola súa capacidade de atraer a Pontevedra voces destacadas do mundo da publicidade e comunicación a nivel mundial. O Clúster de Comunicación de Galicia, que agrupa a 233 empresas e axencias, organiza este evento co obxectivo de situar a Pontevedra como un enclave referente á hora de falar das últimas tendencias na industria e reivindicar a importancia do sector da comunicación, o márketing e a publicidade en Galicia.
Flúor trae a Galicia a profesionais recoñecidos internacionalmente, que contarán as súas experiencias durante as dúas xornadas do congreso. Luis Bassat, unha das voces referentes no mundo da publicidade, fundador de Bassat Ogilvy e recoñecido con máis de 400 premios, abrirá o congreso co seu relatorio o xoves 30 de maio ás 9:45h. Toni Segarra, publicista e creativo, cuxos eslóganes transcenderon á cultura popular (“Bienvenido a la república independiente de mi casa” ou “¿Te gusta conducir?”), intervirá ás 17:40h. Andy Stalman, destacado conferenciante e un dos referentes mundiais en branding, ás 18:25h ou Inês Fonseca, Head of Marketing Southern Europe de Johnnie Walker e cantautora, participará ás 12:25h nunha mesa redonda sobre a relación entre música e marcas.
Ademais, estarán presentes máis de 15 relatores de empresas punteiras como Fnac, Jägermeister, Hoteis NH Collection, Finetwork, Pilgrim e Adidas. Nelas falarase das novas oportunidades para negocios dixitais, estratexia de marca ou deseño, dende un punto de vista vangardista, reflexionando sobre as últimas tendencias e o futuro do sector. Aos relatorios individuais súmase outra mesa redonda sobre o Retail Media, coa participación de empresas como BeaLion, Reetmo e Profitlogiq.
Estes relatorios e mesas redondas ocuparán a xornada do xoves 30 de maio, na que tamén haberá espazos de networking e un novo evento, Flúor Fest, pensado para que participantes e asistentes poidan coñecerse de primeira man e compartir vivencias e puntos de vista sobre o sector.
Na xornada do venres 31 de maio, Flúor será un lugar de reflexión e aprendizaxe sobre os retos do sector con varios talleres sobre o uso de Tik Tok e o mobile márketing nunha marca; como desenvolver un negocio en mercados saturados ou temas de gran actualidade como o uso de intelixencia artificial en deseño ou o emprego desta tecnoloxía en estratexia dixital. Outra parte da mañá dedicarase ao ecommerce e as diferentes estratexias de márketing que poden seguir as empresas con este negocio.
Os estudantes da Facultade de Comunicación da Uvigo poderán participar nun evento de speed dating con empresas do sector. O evento concluirá con Flúor Voices, un espazo para abordar temas de impacto social como o activismo, o empoderamento feminino, a sustentabilidade ou a inclusión
Programa e horarios dispoñible en: https://congresofluor.com/programa/
O Clúster de Comunicación de Galicia: a cadea de valor da industria reunida
Flúor é unha das iniciativas que leva a cabo o Clúster de Comunicación de Galicia, co obxectivo de reunir aos profesionais do sector nun evento que sirva de inspiración e referencia. O Clúster reúne a toda a cadea de valor da industria en Galicia, poñendo en valor ás súas empresas e profesionais do márketing, comunicación, deseñadores, creativos, axencias de publicidade, axencias de medios, eventos ou impresores. Actualmente está integrado por 233 entidades (empresas, asociacións e centros tecnolóxicos ou de formación), entre as que se atopan Markea, Asociación Galega de Marketing, OPC Galicia, Creatividade Galega e Dircom, Asociación de Directivos de Comunicación.