Programa Pegadas: Unha experiencia transformadora no Camiño de Santiago para favorecer a empregabilidade de mozos galegos e portugueses

Programa Pegadas: Unha experiencia transformadora no Camiño de Santiago para favorecer a empregabilidade de mozos galegos e portugueses
Mozos galegos e portugueses participan esta semana na terceira expedición de Pegadas, un programa innovador que combina aprendizaxe e experiencia no Camiño de Santiago. Co obxectivo de dotar de ferramentas para o emprego, favorecer a conexión entre culturas ou adquirir novas competencias, participantes de entre 18 e 29 anos súmanse a estas expedicións. Mañá chegará á Praza do Obradoiro a terceira delas, despois dunha semana percorrendo o Camiño Portugués. En setembro reanudaranse, con prazas aínda dispoñibles para a mocidade interesada.
Pegadas é un programa innovador enmarcado no programa Interreg-Poctep, que ten como finalidade ofrecer aos mozos e mozas de entre 18 e 29 anos unha experiencia transformadora no Camiño de Santiago. “A través desta iniciativa, estou afondando en distintos aspectos do Camiño de Santiago, que se vinculan con temáticas actuais como a dixitalización, a sustentabilidade ou a empregabilidade”, explica Uxía, participante na segunda expedición do programa.
Esta terceira expedición saíu de Ponte da Lima, en Portugal, o pasado luns e dende o primeiro día realizaron diferentes visitas e puxeron en marcha actividades como a gravación de vídeos resumo de cada xornada. Cada actividade céntrase nalgún dos piares do programa: colaboración, sustentabilidade, innovación ou emprendemento son algúns deles. Ademais, durante este particular Camiño realízanse paradas en diferentes lugares de interese patrimonial, histórico ou natural.
Esta expedición polo Camiño complétase cun itinerario formativo, unha formación previa a cada ruta a través dunha plataforma de e-learning, na que os participantes das expedicións deben rexistrarse e completar a formación antes de participar nas mesmas.
UNHA METODOLOXÍA INNOVADORA QUE TAMÉN SE VIVE DURANTE O CAMIÑO
Os obxectivos destacados do proxecto son impulsar a colaboración entre universidades, empresas de formación e entidades públicas locais para crear programas formativos innovadores, como o Outdoor Learning, dirixidos á mocidade con dificultades para completar cursos regrados. Deste xeito tamén se pon en valor o Camiño de Santiago como eixe vertebrador de experiencias transfronteirizas. Ademais, Pegadas desenvolve unha metodoloxía conxunta que integra enfoques híbridos, combinando e-learning e actividades presenciais, para reforzar competencias clave na mocidade que nin estuda nin traballa, facilitando o seu acceso a programas de formación para o emprego e a vida.
Pegadas é un proxecto cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027. O programa conta como beneficiarios coa Universidade de Santiago de Compostela, Femxa, CIM Alto Minho, Instituto Politécnico de Viana do Castelo, Politécnico do Porto e o Clúster da Comunicación de Galicia.


