Programa Pegadas: Comezan as expedicións de setembro con máis dunha vintena de mozos e mozas participantes

O programa PEGADAS continúa no mes de setembro cunha nova expedición, que une a 27 mozos e mozas de Galicia e Portugal para realizar un treito do Camiño de Santiago. O 1 de setembro saen do país luso para participar neste novedoso programa que combina aprendizaxe e experiencia no Camiño de Santiago.
As persoas participantes comezarán esta experiencia desde Ponte de Lima ou Viana do Castelo e os grupos uniránse xa en Galicia para completar as últimas etapas deste Camiño. Durante cinco días convivirán nun entorno natural e histórico. Nesta ruta lévanse a cabo diferentes actividades co obxectivo de acadar ferramentas para o emprego, favorecer a conexión entre culturas ou adquirir novas competencias. Unha nova forma de vivir o Camiño de Santiago e achegar unha experiencia enriquecedora aos participantes.
Ao longo da ruta os participantes realizan diferentes actividades que se centran nalgún dos piares do programa: colaboración, sostibilidade, innovación ou emprendemento son algúns deles. Ademais, durante este particular Camiño coñecen diferentes lugares de interese patrimonial, histórico ou natural.
Esta expedición polo Camiño complétase cun itinerario formativo, unha formación previa a cada ruta a través dunha plataforma de e-learning, na que os participantes nas expedicións deberán completar unha preparación antes de tomar parte nas mesmas.
As primeiras expedicións de PEGADAS partiron en xuño, con grande éxito entre os participantes: “A través desta iniciativa, estou a afondar en distintos aspectos do Camiño de Santiago, que se vinculan con temáticas actuais como a dixitalización, a sostibilidade ou a empregabilidade”, explicou Uxía, participante na segunda expedición do programa.
UNHA METODOLOXÍA INNOVADORA QUE TAMÉN SE VIVE DURANTE O CAMIÑO
Os obxectivos destacados do proxecto son impulsar a colaboración entre universidades, empresas de formación e entidades públicas locais para crear programas innovadores de formación, como o Outdoor Learning, dirixidos a mocidade con dificultades para completar cursos regrados. Deste xeito tamén se pon en valor o Camiño de Santiago como eixo vertebrador de experiencias transfronteirizas. Ademais, Pegadas desenvolve unha metodoloxía conxunta que integra enfoques híbridos, combinando e-learning e actividades presenciais, para fortalecer competencias clave en mozos e mozas que nin estudan nin traballan, facilitando o seu acceso a programas de formación para o emprego e a vida.
Pegadas é un proxecto cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027. O programa conta como beneficiarios á Universidade de Santiago de Compostela, Femxa, CIM Alto Minho, Instituto Politécnico de Viana do Castelo, Politécnico do Porto e o Clúster da Comunicación de Galicia.


