Primeira reunión do Comité asesor do 5º Foro da Comunicación de Galicia

11 de xullo de 2017

A sede do Clúster de Comunicación Gráfica de Galicia, en Santiago de Compostela, acolleu onte a primeira reunión do comité asesor do 5ª Foro de Comunicación de Galicia que se celebrará en Expourense o venres 10 de novembro de 2017. Continuando coa estrutura do pasado ano, o Foro concluirá coa Gala de entrega dos II Premios Paraugas de Comunicación e Márketing de Galicia.

Esta primeira reunión serviu para definir os temas sobre os que versarán as mesas redondas do foro no que se falará da nova figura do Chief Marketing Officer (CMO) na que participarán importantes empresas que pasaron por unha reconversión recente no seu modelo de negocio. Este foro presentará ademais casos de éxito de e-bussines coa presenza de empresas que xa naceron na era dixital.

No foro participarán ademais importantes figuras da comunicación e a publicidade a nivel nacional que serán homenaxeadas na Gala posterior. Esta información detallarase máis adiante.

Participaron nesta primeira reunión o presidente do Clúster de Comunicación Gráfica, Xosé Luís Reza, o actual xerente, Alejandro Vázquez e Patricia Cuevas que tomará a súa substitución nos próximos meses. Tamén estiveron presentes o presidente de Creatividade Galega, Xaime Conde; a presidenta de Executivas de Galicia, Carla Reyes; a representante de DRCOM Galicia, Irene Barge; a vogal da Asociación de Deseñadores de Galicia, Irene García; o decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra, Xosé Baamonde; o xerente de Iconweb, Alberto Garnil; o representante da Asociación de Novos Empresarios Aje Ourense, César González, e a coordinadora de Comunicación de Expourense, Silvia Pardo.