Pegadas converte a Cidade da Cultura nun gran encontro xuvenil

Pegadas, o programa transfronteirizo de aprendizaxe experiencial dirixido á mocidade de 18 a 29 anos de Galicia e o norte de Portugal, celebrará a súa xornada de peche o vindeiro sábado 7 de febreiro na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela. O evento, baixo o lema ‘Conectar, crear e deixar pegada’, é gratuíto, aberto a toda a mocidade e contará con moitos premios e agasallos para quen participe nas actividades.
Con prazas limitadas, a asistencia require inscrición previa (sen custo) e a reserva quedará confirmada cando cada persoa reciba o correo de validación. A xornada propón un formato dinámico e participativo para conectar a mocidade, compartir aprendizaxes e celebrar o peche do proxecto con retos en equipo, creatividade e música. Pegadas é un programa cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Interreg VI-A España–Portugal (POCTEP) 2021–2027.
Unha xornada para conectar, crear e levar premios
O programa incluirá unha xincana pola Cidade da Cultura, un obradoiro de edición de vídeo por equipos (con premios especiais para os mellores proxectos) e un peche coas conclusións e resultados do programa. A xornada rematará con música en directo a cargo de Señora DJ.
Ademais da experiencia e do ambiente, a organización repartirá agasallos e sorpresas entre as persoas participantes, reforzando o carácter festivo do encontro e o obxectivo de que cada persoa nova poida “deixar pegada” coa súa creatividade e participación.
Un proxecto europeo de aprendizaxe experiencial
Pegadas é un programa cofinanciado pola Unión Europea a través do Interreg VI-A España–Portugal (POCTEP) 2021–2027. Combina unha formación teórica en liña nunha plataforma de e-learning cunha fase práctica e vivencial a través de expedicións no Camiño de Santiago, fomentando a aprendizaxe, a convivencia e a conexión entre mocidade de ambos lados da fronteira.
Programa da xornada de peche
O evento desenvolverase de 10:30 a 17:45 na Cidade da Cultura de Galicia, co seguinte horario:
10:30 – 11:00 | Recepción de participantes
11:00 – 11:10 | Benvida institucional
Apertura oficial do evento e contextualización do proxecto PEGADAS.
11:10 – 11:30 | Activación da experiencia PEGADAS
Presentación da dinámica, creación de equipos e entrega de materiais.
11:30 – 13:30 | Xincana PEGADAS (2 h).
Desenvolvemento da xincana polos distintos espazos da Cidade da Cultura.
13:30 – 15:30 | Xantar e proceso creativo en directo
Xantar no espazo de traballo.
Edición de vídeos sobre a xincana con apoio dun experto en edición dixital.
Sesión musical en directo a cargo de Señora DJ durante o xantar.
15:30 – 16:00 | Sobremesa dando voz a Señora DJ
Entrevista en clave de conversa aberta.
16:00 – 17:00 | Relatos PEGADAS. A mirada colectiva
Proxección dos vídeos dos equipos: relatos da xornada e aprendizaxes compartidas.
Concurso de vídeos PEGADAS: o equipo cuxo vídeo reflicta mellor a experiencia e as aprendizaxes gañará un premio especial.
17:00 – 17:45 | Peche institucional
Conclusións e resultados do proxecto PEGADAS. Foto final e despedida.
O programa está cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Interreg VI-A España–Portugal (POCTEP) 2021–2027 (FEDER) e está impulsado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), CIM Alto Minho, Instituto Politécnico de Viana do Castelo, Politécnico do Porto, Femxa e o Clúster da Comunicación de Galicia.


