Pegadas pecha o seu percorrido tras formar a máis de 250 mozos e mozas de Galicia e Portugal

Pegadas pecha o seu percorrido tras formar a máis de 250 mozos e mozas de Galicia e Portugal

PEGADAS celebrou hoxe na Cidade da Cultura de Galicia a súa xornada de peche, en Santiago de Compostela, coa participación de preto dun cento de asistentes entre mocidade e entidades colaboradoras, nun encontro que combinou retos creativos, traballo en equipo e espazos para compartir aprendizaxes e conclusións do programa. A finais deste mes, Portugal acollerá o segundo encontro de peche, con novas propostas para a mocidade e a presentación de resultados no país luso. PEGADAS é un programa cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Interreg VI-A España–Portugal (POCTEP) 2021–2027 (FEDER).

A cita puxo o broche final a un proxecto transfronteirizo que, desde 2024, desenvolveu unha metodoloxía de aprendizaxe experiencial vencellada a etapas do Camiño de Santiago para dotar a mocidade de ferramentas útiles nun contorno de cambio, conectando participantes de Galicia e do norte de Portugal. En total, pasaron polo programa máis de 250 mozos e mozas, formándose a través da metodoloxía e-learning en diferentes competencias, e máis de 120 participantes completaron esa formación nas expedicións polo Camiño de Santiago.

A xornada arrancou pola mañá coa recepción de participantes e unha benvida institucional que deu paso á presentación do proxecto e das entidades impulsoras. Neste acto participaron Gumersindo Feijoo Costa, vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela, e representantes das diferentes entidades sociais e formativas que integran o consorcio do programa, que subliñaron o valor dunha iniciativa deseñada especificamente para a mocidade e baseada na combinación de formación, convivencia e experiencias reais no territorio.

A continuación, o encontro articulouse arredor dunha dinámica participativa na que as persoas asistentes se organizaron por equipos e se activou a experiencia PEGADAS cunha xincana por distintos espazos da Cidade da Cultura. A proposta converteu o recinto nun gran escenario de retos colaborativos, pensado para favorecer a conexión entre mozos e mozas, o pensamento creativo e a participación activa, mantendo o espírito do proxecto: aprender facendo e en comunidade.

Tras a xincana, a programación continuou cun xantar compartido e un proceso creativo en directo no que os equipos traballaron na edición de vídeos a partir do vivido durante a mañá, con apoio especializado en edición dixital. A música en directo de Señora DJ acompañou este tramo do evento e, xa pola tarde, o programa incluíu un espazo de conversa aberta coa artista. O peche da xornada chegou coa proxección dos vídeos elaborados polos equipos, concibidos como un relato colectivo da experiencia, e coa entrega dun premio especial dentro do Concurso de vídeos PEGADAS, antes da despedida final e da foto de grupo.

Resultados e impacto do programa
PEGADAS arrancou cunha xornada de presentación do proxecto e foi despregando, desde entón, un itinerario formativo que suma xa máis de 120 persoas participantes en expedicións e supera as 250 persoas en distintas accións formativas. O programa naceu cun obxectivo claro: aumentar a empregabilidade xuvenil e ofrecer ferramentas prácticas ás persoas novas a través dunha formación novidosa que combina contidos online —nunha plataforma de e-learning— cunha fase vivencial en expedicións polo Camiño de Santiago. Esta metodoloxía permite adestrar competencias transversais vencelladas ao emprendemento, ao pensamento crítico, á dixitalización e á sustentabilidade desde a práctica e o traballo en equipo.

Ademais, PEGADAS consolidouse como unha experiencia de conexión Galicia–Portugal, na que as persoas participantes puideron coñecer ambas as rexións, compartir cultura e lingua, tecer vínculos e construír unha ollada común sobre retos actuais, desde o territorio e a convivencia. Esa dimensión tradúcese directamente en cooperación transfronteiriza, ao xerar redes entre mozos e mozas dos dous lados da fronteira e activar un modelo de colaboración baseado no intercambio real, na aprendizaxe compartida e no coñecemento mutuo.

Cunha proposta pensada a medida das necesidades da mocidade, PEGADAS pechou hoxe o seu percorrido reforzando a súa esencia: acompañar a persoas novas nun proceso formativo útil, conectado coa realidade e con capacidade de deixar pegada a través da participación, a creatividade e a comunidade.

PEGADAS é un programa cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Interreg VI-A España–Portugal (POCTEP) 2021–2027 (FEDER) e está impulsado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), CIM Alto Minho, Instituto Politécnico de Viana do Castelo, Politécnico do Porto, Femxa e o Clúster da Comunicación de Galicia.