Pegadas pon o broche final en Viana do Castelo tras tres anos de aprendizaxe no Camiño de Santiago


Pegadas puxo o broche final aos seus tres anos de percorrido transfronteirizo cunha sesión de clausura celebrada en Viana do Castelo, na que se presentaron as principais conclusións do proxecto que converteu o Camiño de Santiago nun auténtico laboratorio de aprendizaxe e empregabilidade para a mocidade. Entre novembro de 2023 e febreiro de 2026, a iniciativa implicou a preto de 250 participantes: 158 formaron parte de nove expedicións realizadas en Portugal e en España, máis dun cento completou o itinerario formativo e a plataforma e-learning bilingüe suma xa 240 persoas inscritas.
Cun modelo híbrido baseado na dixitalización, o emprendemento, a sustentabilidade e o pensamento crítico, Pegadas combinou formación presencial, aprendizaxe en liña e experiencias ao aire libre, situando o territorio como contexto pedagóxico real. No encontro participaron as seis entidades do consorcio ( Politécnico de Viana do Castelo, a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho, o Politécnico do Porto, a Universidade de Santiago de Compostela, o Clúster da Comunicación de Galicia e Femxa) e compartíronse datos que reflicten o seu impacto: máis do 76% das persoas inscritas está hoxe a traballar ou a estudar. Aínda que o proxecto se pecha formalmente, os materiais, as ferramentas e as recomendacións desenvolvidas seguirán dispoñibles para inspirar futuras edicións e posibles réplicas noutros itinerarios culturais europeos.
PEGADAS é un programa cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Interreg VI-A España–Portugal (POCTEP) 2021–2027 (FEDER) e está impulsado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), CIM Alto Minho, Instituto Politécnico de Viana do Castelo, Politécnico do Porto, Femxa e o Clúster da Comunicación de Galicia.
Cluster da Comunicación de Galicia
info@clustercomunicacion.gal
+34 881 977 102
Aviso legal | Política de privacidade | Política de cookies
O Cluster da Comunicación de Galicia foi beneficiario das Axudas ás agrupacións empresariais (clústers) innovadoras na Comunidade Autónoma de Galicia durante o período 2022-2024 financiadas polo Igape.

