OS V PREMIOS PARAUGAS XA TEÑEN FINALISTAS

Os galardóns recoñecen o gran traballo feito en Galicia nos campos da Impresión e da Edición, Deseño, Creatividade, Marketing Dixital, Marketing, Comunicación e Eventos

 

Xa coñecemos os 52 proxectos finalistas dos V Premios Paraugas da Comunicación e do Marketing, que optan a recibir un galardón nas sete categorías coas que conta esta iniciativa, organizada polo Clúster da Comunicación de Galicia. Dada a situación sanitaria actual, a gala desta edición non poderá ser en Expourense como todos os anos, pero celebrarase igualmente de maneira online este venres 12 de febreiro ás 21:00 horas.

Aínda que esta vez celebrámolo de maneira diferente, quixemos continuar e festexar esta quinta edición dos Premios Paraugas para recoñecer un ano máis a todos os e as profesionais que contribúen decisivamente á prosperidade do sector e que demostran así todo o talento que temos na casa”, afirma Xosé Luis Reza, presidente do Clúster.

Os proxectos finalistas foron escollidos entre as máis de 250 candidaturas presentadas nas categorías de Impresión e Edición, Deseño, Creatividade, Marketing, Marketing Dixital, Comunicación e Eventos. Como en ocasións anteriores, o xurado desta edición está formado por profesionais de dilatada experiencia e de recoñecido prestixio no sector, en cada unha das categorías que conforman estes galardóns.

A gala desta V edición celebrarase este venres 12 de febreiro de maneira online

Os premios están patrocinados por empresas e entidades que avalan este recoñecemento ao sector da comunicación e da cultura galega: HP, ICON, PuntoGal, Avante Evolumedia, Galicia Calidade, Tac!, GAIN (Axencia Galega de Innovación) e a Deputación de Ourense.

Os colaboradores que fan posible a realización do evento son: Atelier, Miraveo, Atlántica Centro de Arte, Esmerarte, Cultura Activa, Aceites Abril, Markea, Dircom Galicia, Creatividade Galega e OPC Galicia, ademais de contar co apoio do Igape.

Para coñecer aos finalistas seleccionados preme aquí.

Proxecto cofinanciado por: