Os Premios Paraugas recoñecen ao Real Club Celta na súa gala do décimo aniversario, dedicada a celebrar o mellor do talento creativo galego

Os Premios Paraugas recoñecen ao Real Club Celta na súa gala do décimo aniversario, dedicada a celebrar o mellor do talento creativo galego

O Teatro Jofre de Ferrol viviu esta noite unha das edicións máis especiais dos Premios Paraugas, que celebraron o seu décimo aniversario cunha gala vibrante, chea de ritmo, humor e emoción. Organizados polo Clúster da Comunicación de Galicia co patrocinio do Concello de Ferrol e de Galicia Calidade, os galardóns reuniron ao sector galego da comunicación, o deseño, o márketing, a publicidade, os eventos e a impresión nun ambiente de entusiasmo colectivo que puxo de manifesto a excelente saúde da industria creativa galega.

A velada contou coa presenza institucional de José Manuel Rey Varela, alcalde de Ferrol; Diego Calvo, conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes; Martina Arneiros, delegada territorial da Xunta de Galicia en Ferrol; e Ana Méndez, directora de Galicia Calidade, quenes participaron na apertura e entrega dalgúns dos premios máis destacados do certame.

Conducida por Durante Galbán e Fátima Pego, a gala apostou por un formato escénico renovado baseado nunha divertida “máquina do tempo estropeada”, que activou a aparición sorpresa de dúas figuras da historia dos Paraugas, como os primeiro presidente do Clúster da Comunicación de Galicia, Xose Luis Reza, protagonista dun xogo humorístico que recuperou momentos emblemáticos da última década. O público, que encheu por completo o Teatro Jofre, respondeu con entusiasmo a unha proposta dinámica e festiva que consolidou o espírito de festa dos dez anos dos premios. O artista Amoebo foi o encargado de dar a nota musical á noite, con varias actuacións durante o evento.

Recoñecementos máis especiais da X edición

Entre os galardóns máis esperados destacou o Paraugas de Ouro, que nesta edición recaeu en RIO1923. Raíces, Identidade, Orgullo, do Real Club Celta, recoñecido como o proxecto máis sobresaínte do ano pola súa capacidade para construír relato, conectar co territorio e fortalecer a identidade do club galego.

A gala tamén reservou un espazo central para os Premios Honoríficos. O Paraugas de Honra de Creatividade recoñeceu a traxectoria de Marisa Guitián Martínez, fundadora de Idea Creatividad y Comunicación, cuxo labor pioneiro marcou un fito na publicidade galega. Pola súa banda, o Paraugas de Honra de Comunicación, entregado a título póstumo a Santiago Rey Fernández-Latorre, recoñeceu o seu papel decisivo na modernización e proxección do xornalismo galego; o galardón foi recollido por Xosé Luís Vilela, director da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre.

Completaron os recoñecementos especiais o Premio Paraugas do Público, que recaeu na empresa de pontevedra Krack pola acción de branding que realizaron no marco  dos Premios Feroz; o Premio Paraugas Galicia Calidade, outorgado a Tio Phil pola súa campaña para Paco & Lola; e o Premio ao Anunciante do Ano, que distinguiu a Estrella Galicia pola súa aposta continuada por unha comunicación feita desde Galicia, con talento galego e ambición global.

Relación de premios da X edición: creatividade, identidade e innovación

Os Premios Paraugas 2025 celebraron tamén o talento das categorías competitivas, nas que se recoñeceu a diversidade e vitalidade da industria galega. En Mellor  Produción Gráfica, o galardón foi para Unha árbore de historias, o proxecto desenvolvido por Gráficas Anduriña e Desoños para a Biblioteca de Galicia, distinguido polo seu coidado visual e coherencia artística.

En deseño, o recoñecemento á mellor solución foi para o proxecto da Marca Betanzos, unha proposta multidisciplinar impulsada pola UTE Contorna Besada, Failde BMJ Arquitectos e Nuria Carballo para o Concello de Betanzos, valorada pola súa capacidade de integrar identidade e espazo público.

A Mellor Idea Creativa da edición foi Caldo para paella valenciana, de Imaxe-Proximia para Estrella Galicia, unha campaña que destacou pola súa frescura conceptual e pola súa habilidade para trasladar unha mensaxe cun ton humorístico e diferencial.

En publicidade, o premio á Mellor Campaña foi para Segue sen haber nada máis de Madrid ca non ser de Madrid, tamén de Imaxe-Proximia para Estrella Galicia, recoñecida pola súa potencia narrativa e pola súa capacidade para dialogar co territorio e coa identidade da marca.

Na categoría de márketing, a Mellor Estratexia foi a desenvolvida por Recados Carmen para Ducati, salientada polo seu enfoque integral e pola súa capacidade para activar comunidade arredor da marca. Tamén destacou a Mellor Acción de Branding, que recaeu en RIO1923. Raíces, Identidade, Orgullo, do Real Club Celta, recoñecendo un proxecto que combinou tradición, memoria e impacto visual.

En comunicación, o premio á Mellor Estratexia Global foi para Activismo rural: un reto de la leche, de ATREVIA para o Grupo Lence, un case que puxo o foco na posta en valor do rural e na importancia da identidade territorial. Pola súa parte, a Estratexia máis Eficaz da edición foi Todo es marketing, de Recados Carmen para ESIC, destacada pola súa capacidade de síntese e resultados.

No ámbito dos eventos, o Mellor Evento profesional ou corporativo foi Atlantic Green Hub, de Ingenyus, Viratec e Aclima, mentres que o Mellor Evento cultural, gastronómico ou musical foi SOUNDHOOD SON Estrella Galicia, que destacou pola súa creatividade.

Finalmente, o Premio Novos Talentos recoñeceu o traballo de Alberto González pola dirección creativa e a identidade visual de Xara Fest 2025, subliñando a importancia de apoiar ás novas xeracións nun sector en constante evolución.

Un sector unido, diverso e en plena expansión

A X edición dos Premios Paraugas volveu demostrar a robustez do ecosistema creativo galego, que este ano presentou máis de 250 candidaturas procedentes de empresas e profesionais de toda Galicia, consolidando á comunidade como un dos grandes referentes creativos do Estado. Os premios confirman, unha vez máis, a capacidade do sector para innovar, crear marcas sólidas e proxectar Galicia como un territorio con identidade propia, diversidade de voces e talento en crecemento. A noite pechouse cun cóctel profesional na Sede de Afundación de Ferrol, que serviu como punto de encontro entre finalistas, gañadores, institucións e público, celebrando unha década de creatividade, colaboración e futuro compartido.

Os Premios Paraugas 2026 contan co patrocinio de Xunta de Galicia e Galicia Calidade, o Concello de Ferrol, CESUGA e Estrella Galicia, ademais de AVANTE, Punto Gal, tac!, Raiola Networks e Abanca.