O xornalista Xabier Fortes será un dos premios Paraugas honoríficos desta sétima edición
O xornalista Xabier Fortes e o publicista José María Lapeña premios Paraugas honoríficos 2022
O Cluster de Comunicación de Galicia vén de facer público os dous premios honoríficos que se entregarán na VII edición dos Premios Paraugas da Comunicación e do Marketing galegos, que se celebrará o vindeiro venres 18 de novembro en Exopourense. Os homenaxeados serán o xornalista pontevedrés Xabier Fortes e o publicista José María Lapeña, que xa confirmaron a súa presenza.
Para Alberto Garnil, presidente do Cluster, “a decisión de homenaxear a Fortes e Lapeña está avalada polas súas propias traxectorias profesionais”. “Xabier Fortes -sinala- é un dos xornalistas galegos con máis proxección fóra de Galicia e dos que mellor representan os valores da profesión”. “Dende o Cluster consideramos que Fortes era merecedor dun recoñecemento así na súa terra, na que comezou a desempeñar o seu oficio en radio e televisión e dende a que chegou a ser un referente do xornalismo a nivel nacional”, remata Garnil.
Por outra banda, outro dos premiados co galardón honorífico “Paraguas” deste 2022 é o recoñecido publicista José María Lapeña. Alberto Garnil asegura que “Lapeña é un dos creativos históricos de referencia no ámbito da publicidade española que situou ao noso sector no panorama internacional”. “Foi merecedor de premios de enorme relevancia, como o Grand Prix do Festival de Cannes, e artífice dalgúns dos spots que quedarán para sempre marcados na nosa memoria. Lapeña é un antes e un despois no sector publicitario español”, conclúe.
A gala dos Premios Paraugas, á que asistirán autoridades, finalistas e convidados do sector empresarial e da comunicación de Galicia, celebrarase o próximo 18 de novembro en Expourense. Os galardóns premiarán os mellores traballos de Galicia en distintas categorías: Impresión e Edición, Deseño, Creatividade, Marketing Dixital, Marketing, Comunicación e Eventos. Os finalistas faranse públicos nos vindeiros días.
Competitividade e capacidade innovadora en Galicia
Os Premios da Comunicación e do Marketing de Galicia foron creados polo Cluster da Comunicación de Galicia no ano 2016. Naceron coa idea de poñer en valor a calidade e o traballo que se fai na nosa terra, co obxectivo de enxalzar a función da creatividade, o deseño, a edición, a impresión, o márketing, a comunicación e os eventos de orixe galega e como medio para conseguir aumentar a competitividade e a capacidade innovadora. Trátase dunha convocatoria de premios desde o sector e para o sector.