O congreso de marketing Flúor pecha con éxito a súa séptima edición

O congreso de marketing Flúor pecha con éxito a súa séptima edición

O congreso de marketing Flúor albergou na súa xornada de clausura un dos momentos máis esperados da súa sétima edición, que se celebrou os días 15 e 16 de maio en Pontevedra. Fútbol, comunicación e marketing foron os protagonistas nunha conversa con dous grandes nomes desta área, o xornalista Manuel Jabois e a presidenta do RC Celta, Marián Mouriño.

Durante a conversa, Jabois interesouse por como a estratexia de comunicación e márketing do club fixo renacer a conexión coa afición e o sentimento identitario. Ademais, Mouriño explicou como se levou a cabo a creación do equipo feminino As Celtas, cun nome que foi proposta da propia presidencia e que cando o propuxo ao seu equipo “non convenceu”. “Cando nos puxemos a lanzar o proxecto escoitabamos todo o negativo, como que o fútbol feminino non era económicamente viable. Cría que podiamos facer algo diferente e fixámonos en que se facía fóra, en países como Estados Unidos, con equipos como Angel City FC, que nos deu moitas pautas”, explicou Mouriño. Sobre o nome do equipo lembrou, a modo de anécdota, que cando o consultaron cunha axencia a proposta foi “Celta 261”, en honra a unha atleta pioneira. “As axencias tendes que escoitar, nós queremos transmitir a nosa identidade propia e queriamos chegar ao fútbol feminino con humildade e con identidade”, relatou a presidenta do club galego.

Tamén houbo tempo para lembrar unha das grandes accións do club deportivo en relación á súa identidade, o himno “Oliveira dos cen anos” creado por C. Tangana: “Pucho sabía que non podía escribir só unha canción, tiña que ser un sentimento que lle inspirara o seu pai, iso era moita responsabilidade”, lembrou.

JORGE SANDUA, FUNDADOR DE PUTOSMODERNOS FOI O ENCARGADO DE CLAUSURAR O CONGRESO

Flúor pechou as súas portas por todo o alto. Jorge Sandua, fundador de PutosModernos, puxo o broche final á sétima edición do congreso explicando a historia desta peculiar axencia cunha ponencia titulada “Spam para hoxe fame para mañá”. Tamén repasou algúns dos seus casos de éxito. Sandua destacou a campaña que realizaron para Fontecelta, que se viralizou ao final logrando resposta da súa competencia no mercado, Cabreiroá e doutros marcas galegas de auga. Sandua destacou como o éxito desta acción que a campaña acabara formando parte da conversa diaria durante eses meses e parte da cultura pop.

Tamén pasaron polo congreso, Alfons Cornellá, Founder at Curiosity Atelier, Institute of Next, Infonomia and EDGERS e Toni Fernández, deseñador de innovación, impacto e futuros. Durante a mañá tamén houbo tempo para as actividades máis formativas da programación. Os alumnos da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo conectaron co sector cun “speed dating” con empresas destacadas. Unha toma de contacto co seu futuro laboral da man de recoñecidas empresas galegas para demostrar as súas habilidades e aspiracións. Ademais impartíronse dous talleres sobre algunhas das tendencias máis destacadas do sector: o influencer marketing e a automatización con Intelixencia Artificial. No primeiro, Irene Fernández de la Torre, consultora en PR e influencer marketing, repasou casos éxito de campañas realizadas man a man con talents de redes sociais, así como as principais métricas que se deben repasar para conseguir unha boa alianza. Álvaro Fontenla, CEO de Raiola Networks, explicou como utilizar a IA para crear contido que se identifique coa marca a partir do seu historial.

Colaboran con Flúor o Concello de Pontevedra, Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia, Recados Carmen e Raiola Networks. Tamén apoian o congreso ABANCA, Avante, Mardy Bum e Sutag.