O Clúster da Comunicación participa en O Encontro da Toxa con dúas mesas sobre influencia, reputación e marca

O Clúster da Comunicación de Galicia participou un ano máis en O Encontro da Toxa, o foro organizado por CESUGA que reúne representantes do tecido empresarial galego, do ámbito académico e das administracións públicas para analizar os principais retos económicos, sociais e empresariais de Galicia.
Baixo o lema «Galicia ante unha nova realidade», a edición de 2026 favoreceu o diálogo, o intercambio de coñecemento e a colaboración entre profesionais e entidades de diferentes sectores.
A participación do Clúster articulouse arredor de dúas mesas redondas centradas no papel estratéxico da comunicación, a creatividade, a reputación e a construción de marca na competitividade das empresas e no posicionamento de Galicia.
A primeira delas, «Do contido á influencia. Como está cambiando a comunicación», abordou a transformación do sector, os novos formatos, a evolución das audiencias e os retos aos que se enfrontan marcas e profesionais nun contexto comunicativo cada vez máis complexo.
Na mesa participaron Sheila Nogueira, Brand Manager de Krack; Fátima Carmena, directora da axencia Nasas; Domingo Torrón, CEO da axencia Reclam; e José Manuel Regueiro, socio director de Grupo Raíz. A conversa estivo moderada por Néstor Gándara, director creativo de Recados Carmen.
A segunda sesión, «Galicia compite polo relato: reputación, marca e comunicación», puxo o foco na importancia de construír relatos sólidos, coherentes e diferenciais que permitan ás empresas galegas reforzar a súa reputación e competir dentro e fóra de Galicia.
Nesta conversa participaron María Canle, directora de Comunicación e Marketing de El Pulpo; Vanessa Ocando, directora de Marketing de Nueva Pescanova; Pepe Cabanas, Chief Marketing Officer de Hijos de Rivera; e Xosé Manuel Merelles, director de Turismo de Galicia. A mesa foi moderada por Marta Ferro, delegada de Forbes Galicia e presidenta do Clúster da Comunicación de Galicia.
A presenza do Clúster en O Encontro da Toxa permitiu poñer en valor a comunicación como un activo estratéxico para a competitividade empresarial, a xeración de confianza e o posicionamento de Galicia.
A participación nesta nova edición reforza tamén o compromiso do Clúster coa creación de espazos de reflexión e colaboración nos que empresas, administracións e profesionais poidan compartir coñecemento e avanzar na construción de marcas máis relevantes, influentes e conectadas coa sociedade.


