Marta Rico e Miguel García Vizcaino, Premio Honorífico de Creatividade dos IX Premios Paraugas do Clúster da Comunicación de Galicia

Marta Rico e Miguel García Vizcaino, Premio Honorífico de Creatividade dos IX Premios Paraugas do Clúster da Comunicación de Galicia

Marta Rico e Miguel García Vizcaino, fundadores da axencia de publicidade Sra. Rushmore, recibirán o Premio Honorífico de Creatividade da IX edición dos Premios Paraugas, que se celebrarán o 22 de novembro en Ferrol. O Clúster da Comunicación de Galicia recoñece así a achega dos creativos ao mundo da publicidade, cunha gran traxectoria na que asinaron campañas, marcadas pola sensibilidade e a transgresión, que xa forman parte do imaxinario colectivo.

Marta Rico e Miguel García Vizcaino fundaron axencia Sra. Rushmore no ano 2000, despois de traballar xuntos -ela como directora de arte e el como redactor- en Tiempo BBDO, unha das axencias españolas máis significativas dos 90. Desde Sra. Rushmore crearon anuncios para marcas de practicamente todos os sectores. Súas son as campañas do Atlético de Madrid, e a popular ‘Defender la alegría’, que fixeron para o PSOE para as Eleccións Xerais de 2008. Pero tamén as de ‘Radio Colifata’ para Aquarius, a emotiva ‘Benditos bares’ para Coca-Cola ou os do Nadal ‘Elfos’ do Corte Inglés. Xuntos asinaron algunhas das campañas máis galardoadas e notorias das últimas décadas: “JASP”, para Renault Clio; “Bebés”, para Pepsi; o lanzamento de Retevisión, inspirada en “A Cabina” e protagonizada por José Luis López Vázquez; a multipremiada “Hope” (Grand Prix de Cannes 2018), para o Comité Internacional de Cruz Vermella, e moitos outros anuncios para Coca-Cola, Aquarius, Flex, Mini, ONCE, Vodafone ou o Atlético de Madrid, cuxo último traballo, “Taxi”, foi recoñecido pola revista Anuncios como a mellor Idea do Ano.

Sra. Rushmore foi recoñecida como a axencia máis atractiva e creativa de España durante 18 anos consecutivos -segundo o estudo Scopen-, e logrou máis de 200 premios en festivais como Cannes Lions, D&AD, One Show ou os Premios Nacionais de Creatividade do c de c. Foi tamén una das axencias españolas que máis creatividade exportou. As súas campañas para Coca-Cola, Aquarius ou o Comité Olímpico Internacional víronse na práctica totalidade dos países do mundo.

Pola súa banda, Miguel García Vizcaíno foi presidente do Club de Creativos (2005) e xurado nos máis importantes festivais do mundo. Ademais, foi nomeado unha das 25 persoas máis influentes de España en 2017 pola revista Forbes, e pola revista Man on the Moon en 2018. Tamén logrou o Premio á Traxectoria nos Premios á Eficacia. Marta Rico foi considerada unha das 20 mulleres máis influentes do ano polo diario El Mundo. En 2024, foi presidenta do xurado dos Premios Nacionais de Creatividade. Hai uns meses, a revista Forbes incluíu á parella entre os 100 máis creativos no mundo dos negocios.

Os IX Premios Paraugas destacarán os mellores traballos da comunicación e o márketing de Galicia

Os IX Premios Paraugas celebraranse en Ferrol por segundo ano consecutivo. O 22 de novembro será a noite na que a industria galega da comunicación e o márketing lucirá os seus mellores proxectos, para recoñecer aos máis destacados en diferentes categorías.

O Clúster da Comunicación de Galicia organiza o certame, que busca poñer en valor a calidade do traballo feito desde a comunidade, así como enxalzar a función da creatividade, o deseño, a impresión, a edición, o márketing, a comunicación e os eventos como medio para aumentar a competitividade e a capacidade de innovación. Neste sentido, os diferentes premios valorarán aqueles traballos ou estratexias de creatividade que destacan pola súa innovación, funcionalidade, boas prácticas e resultados.

Ademais, durante os Premios Paraugas outorgaranse dous recoñecementos especiais, o Premio Novos Talentos -dirixido a mozos de entre 18 e 25 anos, profesionais ou estudantes- e o Paraugas de Ouro, considerado o máis grande do certame, xa que se outorgará ao proxecto que destaque de forma especial por encima dos seus competidores, de calquera categoría. En total, durante a gala, entregaranse 18 premios, incluído o novo Premio do Público, que se entregará este ano por primeira vez e que será froito das votacións do público xeral aos premios finalistas a través da web.

O Clúster da Comunicación de Galicia

O Clúster da Comunicación de Galicia ten o obxectivo de reunir aos profesionais do sector, a toda a cadea de valor da industria en Galicia, poñendo en valor ás súas empresas e profesionais do márketing, comunicación, deseñadores, creativos, axencias de publicidade, axencias de medios, eventos ou impresores. Actualmente está integrado por 233 entidades, entre as que se atopan empresas, asociacións e centros tecnolóxicos ou de formación.