Flúor supérase con máis de 700 asistentes na edición máis experiencial

Flúor supérase con máis de 700 asistentes na edición máis experiencial

Flúor pechou este venres a súa oitava edición superando os 700 asistentes e reforzando a súa posición como punto de encontro estatal para profesionais do marketing, a comunicación, a creatividade e a construción de marca. Baixo o lema ‘O valor de elixir’, o congreso apostou este ano por renovar o seu formato cunha primeira xornada en Afundación centrada en relatorios, entrevistas, mesas redondas e casos de éxito, e unha segunda mañá que se trasladou por primeira vez ao espazo cultural O Sanatorio para ofrecer unha experiencia máis dinámica.

A xornada central do xoves mantivo o auditorio de Afundación cheo durante todo o día cun programa que combinou relatorios de formato máis clásico, conversas profesionais e entrevistas concibidas para abrir o foco do congreso cara a miradas procedentes doutros ámbitos. Entre as conferencias destacaron as intervencións de Javier Campopiano, Global Chief Creative Officer en Omnicom Advertising; Nacho Padilla, director de marca de Renfe; Esther Morell, directora de Marketing e Comunicación de ILUNION, e Iria Pérez Gestal, directora de Comunicación Corporativa e Relacións Institucionais de TOUS Jewelry, que abordaron cuestións clave para a industria como a creatividade global, a estratexia de marca, a comunicación corporativa, a innovación e a relación entre marcas e audiencias. Tamén pasaron polo congreso empresas como Estrella Galicia, CUPRA ou Ducati para compartir os seus casos de éxito.

Xunto a estes relatorios, Flúor incorporou dúas entrevistas con personalidades alleas ao ámbito máis específico do marketing e da comunicación, pero con traxectorias especialmente valiosas para reflexionar sobre a marca, a autenticidade e a conexión cos públicos. Adriana Domínguez, presidenta executiva de Adolfo Domínguez, compartiu a visión dunha das compañías de moda con maior traxectoria, así como os cambios e campañas que levou a cabo nos últimos anos, mentres que Miguel de la Cierva, director de El Náutico de San Vicente, achegou ao congreso a experiencia de liderar un proxecto cultural construído desde a identidade e a proximidade, así como a súa visión sobre como comunicalo en diferentes canles.

O Laboratorio Creativo: un punto de encontro, conexión e sorpresas
O venres, Flúor deu un paso máis na súa evolución coa estrea do seu Laboratorio Creativo no Sanatorio, con gran participación en todas as súas actividades. Os obradoiros formativos, as experiencias de networking e as dinámicas de participación desenvolvéronse nun ambiente orixinal e dinámico, reforzando o carácter experiencial desta oitava edición.

A mañá arrincou con obradoiros prácticos centrados en creatividade, intelixencia artificial, marca persoal, posicionamento en contornas dixitais e copywriting, da man de profesionais como Chuwi Chuwal, Lili Lorenzo (Alto Voltaje), Jose Rodríguez (Asomados) e Lis M. Torrón (RECLAM). A programación completouse cunha dinámica de networking guiada por Pedro Rodríguez, pensada para activar conversas reais entre asistentes, e cun Speed Dating de Talento que puxo en contacto axencias creativas e estudantes universitarios nun formato áxil e directo.

A clausura chegou coa final da primeira Olimpiada de Creatividade, na que equipos de estudantes defenderon as súas propostas a partir dun briefing real lanzado por Avlo, marca de Renfe. A iniciativa puxo o foco no talento novo e na conexión entre o ámbito formativo e o sector profesional, unha das liñas que o congreso quixo reforzar nesta edición.

Con máis de 700 asistentes, Flúor pecha así unha edición de récord que confirma a súa capacidade para seguir evolucionando e ofrecer novas formas de encontro ao público profesional. A cita volveu atraer a Pontevedra talento nacional e internacional de primeiro nivel, ao tempo que puxo en valor o bo facer e a capacidade de innovación da industria galega, reforzando o seu papel como un dos grandes espazos de referencia para o marketing, a comunicación e a creatividade tanto en Galicia como no ámbito estatal.

Flúor conta co Concello de Pontevedra como colaborador principal; coa Xunta de Galicia, Galicia Calidade, Recados Carmen, Deputación de Pontevedra, Raiola Networks e ABANCA como colaboradores Ouro, e con AVANTE e Sutag como colaboradores Prata.