Flúor reivindicará o valor de elexir con máis de 25 relatores e un novo Laboratorio Creativo

Flúor presentou esta mañá no Concello de Pontevedra a programación completa da súa oitava edición, que se celebrará os días 14 e 15 de maio baixo o lema ‘O valor de elixir’. Flúor quere demostrar que, nunha industria en plena transformación pola tecnoloxía e a intelixencia artificial, o verdadeiro valor segue estando en saber elixir: elixir ideas, elixir equipos, elixir marcas con criterio e elixir unha forma de comunicar con personalidade, estratexia e sentido.
O congreso galego de marketing, comunicación e creatividade, organizado polo Clúster da Comunicación de Galicia coa colaboración de Creatividade Galega e Markea, reunirá na cidade máis de 25 relatoras e relatores en actividades como conferencias, entrevistas ou obradoiros.
Con esta nova edición, Flúor reforza o seu papel como punto de encontro da industria en Galicia e no noroeste peninsular, así como evento de referencia xa a nivel estatal, unindo durante dous días profesionais, creativas e creativos, axencias, marcas e empresas arredor da comunicación, o marketing, a creatividade, a estratexia e a construción de marca. A presentación contou coa participación de Alberto Garnil, presidente do Clúster da Comunicación de Galicia e director do congreso; Rafael Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra; Ramón Pereiro, secretario territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, e Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra.
Flúor chega á súa oitava edición cunha programación ampla e un formato renovado que combina relatorios, entrevistas, mesas redondas, casos de éxito, obradoiros, dinámicas de networking e actividades dirixidas ao talento novo. Nun momento no que a intelixencia artificial está a transformar de maneira acelerada o ámbito da comunicación e da creatividade, o congreso poñerá o foco no valor humano da industria, na forza das ideas orixinais e na importancia de apostar por axencias, empresas e profesionais capaces de construír desde o criterio e o coñecemento propio.
A xornada do xoves 14 de maio, na sede de Afundación de Pontevedra, reunirá algunhas das voces máis destacadas do sector, entre elas Javier Campopiano, Global Chief Creative Officer en Omnicom Advertising; Adriana Domínguez, presidenta executiva de Adolfo Domínguez; Nacho Padilla, director de marca de Renfe, ou Esther Morell, directora de Marketing e Comunicación de ILUNION.
O programa incluirá tamén a participación de profesionais vinculados a marcas e proxectos como TOUS Jewelry, Ducati, CUPRA, Viña Costeira, Henko Sports ou Hijos de Rivera. Ao longo da xornada abordaranse cuestións como a creatividade aplicada a grandes marcas, a comunicación con propósito, a reputación, a estratexia de contidos, a influencia como canle de marketing ou a construción de identidade nun contexto de cambio tecnolóxico.
Novo Laboratorio Creativo
Como grande novidade, o venres 15 de maio Flúor trasladarase ao Sanatorio, un antigo sanatorio reconvertido en espazo creativo en pleno centro de Pontevedra, para desenvolver unha xornada máis práctica e participativa. Este Laboratorio Creativo contará con catro obradoiros de capacidade reducida, cun máximo de 15 persoas por sesión, pensados para favorecer a aprendizaxe directa e o intercambio con profesionais do sector.
A programación incluirá o obradoiro ‘Spot_Final_Definitivo_IA_v14.mp4’, no que Chuwi Chuwal proporá unha demostración en vivo para crear un vídeo ou spot en directo con intelixencia artificial; ‘Great Copy Glitters’, impartido por Lis M. Torrón, executive creative director en RECLAM, centrado na escrita de textos capaces de impactar, sorprender e persuadir; ‘A túa marca persoal en piloto automático’, con Lili Lorenzo, CEO de Alto Voltaje e LinkedIn Top Voice Next Gen, sobre estratexia, IA e automatización para construír autoridade; e ‘GEO: Fai que a IA te recomende’, con Jose Rodríguez, CEO de Asomados, dedicado ao diagnóstico, aos indicadores e ás boas prácticas para mellorar o posicionamento de marcas e profesionais en contornas de intelixencia artificial.
A xornada do venres completarase cunha dinámica de networking guiada, un Speed Dating de Talento entre dez axencias creativas e dez estudantes universitarios seleccionados, e a final da Olimpiada de Creatividade, na que cinco equipos defenderán as súas propostas ante un xurado profesional a partir dun briefing real lanzado por Avlo, a marca de Renfe.
Con este formato renovado, Flúor consolida unha edición que combina inspiración, formación aplicada, conexión profesional e apertura ao talento emerxente, situando de novo Pontevedra como punto de referencia para a industria creativa e da comunicación en Galicia e no noroeste peninsular.
Flúor conta co Concello de Pontevedra como colaborador principal; coa Xunta de Galicia e Galicia Calidade, Recados Carmen, Deputación de Pontevedra, Raiola Networks e ABANCA como colaboradores Ouro, e con AVANTE e Sutag como colaboradores Prata.


