Flúor presenta os seus “keynote speakers” e avanza unha edición máis formativa e experiencial

Flúor desvela quenes serán os “keynote speakers” da súa oitava edición, que se celebrará os días 14 e 15 de maio en Pontevedra baixo o lema O valor de elixir. O congreso de marketing, comunicación e creatividade de referencia en Galicia avanza así as primeiras figuras do cartel dunha cita que este ano evolucionará o seu formato para reforzar especialmente a súa dimensión formativa e experiencial.

Organizado polo Clúster da Comunicación de Galicia coa colaboración de Creatividade Galega e Markea, Flúor apostará en 2026 por dar máis peso aos espazos de creación, aprendizaxe compartida e intercambio directo con algunhas das voces máis influentes do marketing, da publicidade, da comunicación e da construción de marca. Ao mesmo tempo, o encontro seguirá potenciando o seu papel como lugar de conexión entre profesionais, empresas e talento emerxente, cun networking máis dinámico, creativo e útil para o sector.

Os “keynote speakers” desta edición serán Javier Campopiano, Nacho Padilla, Esther Morell e Iria Pérez Gestal, aos que se sumará ademais unha das conversas destacadas do programa: a participación de Adriana Domínguez, presidenta executiva de Adolfo Domínguez, nunha entrevista conducida por Xisela López, directora creativa executiva en Sra. Rushmore. Flúor volverá así reunir perfís de primeiro nivel para abordar algúns dos grandes retos e transformacións da industria desde perspectivas complementarias.

Á fronte deste primeiro avance figura Javier Campopiano, que asumiu recentemente o cargo de director creativo global (CCO) en Omnicom Advertising, tras traballar en McCann Worldgroup e McCann. Anteriormente foi director creativo mundial en Grey e OpenX, a axencia de WPP dedicada a The Coca-Cola Company, onde supervisou o desenvolvemento creativo global de ambas as dúas axencias. Previamente, ocupou o cargo de CCO en varias axencias de FCB e traballou durante máis de catro anos en Saatchi & Saatchi, onde transformou a reputación creativa da oficina principal de Nova York. Ao longo da súa traxectoria profesional, Campopiano achegou o seu talento único para construír marcas globais para redes globais cun traballo recoñecido e premiado internacionalmente: recibiu máis de 200 Leóns de Cannes, incluíndo o Gran Premio nas categorías de Publicidade Exterior e Cine.

O programa contará tamén con Nacho Padilla, responsable de marca e publicidade de Renfe. Tras unha longa traxectoria como redactor en McCann e director creativo en Contrapunto BBDO, en 2010 fundou Viernes, un estudo centrado en aplicar a creatividade a proxectos vinculados coa mobilidade sostible, a administración pública, o terceiro sector, a RSE e a innovación social. En 2016 deixou o estudo para incorporarse á dirección creativa dos concellos de Madrid e Barcelona.

Outra das voces destacadas será Esther Morell, directora de Marketing e Comunicación de ILUNION, cunha sólida traxectoria ligada á estratexia de marca, á comunicación corporativa e ao marketing con propósito, nun perfil que conecta negocio, reputación e impacto.

Incorpórase ademais a este avance a galega Iria Pérez Gestal, directora de Comunicación Corporativa e Relacións Institucionais de TOUS Jewelry. Xornalista de formación, desenvolveu durante unha década a súa carreira en Modaes, cabeceira de referencia en información económica do negocio da moda, onde chegou a ser directora e coordinadora editorial do grupo Cinnamon News. Posteriormente traballou na consultora KREAB e, desde 2024, forma parte de TOUS, onde compaxina a súa responsabilidade en comunicación corporativa coa actividade docente especializada na industria da moda.

Completa este anuncio Adriana Domínguez, presidenta executiva de Adolfo Domínguez, que participará nunha entrevista realizada por Xisela López. A conversa dará continuidade a unha liña estreada na pasada edición de Flúor, cando o congreso incorporou ao programa entrevistas a altas executivas e executivos galegos para reflexionar sobre o papel da comunicación nas súas organizacións, cun primeiro encontro protagonizado polo xornalista Manuel Jabois e Marián Mouriño, presidenta do RC Celta.

A presenza conxunta de Adriana Domínguez e Xisela López tenderá pontes entre empresa, creatividade e construción de marca. Á fronte dunha das firmas de moda máis recoñecibles do panorama español, Domínguez achegará unha ollada centrada na dirección empresarial, na identidade de marca e na toma de decisións nun contexto de transformación. Pola súa parte, Xisela López, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, conta con máis de dúas décadas de experiencia profesional en axencias como Contrapunto BBDO, Tiempo BBDO, La Despensa ou Sra. Rushmore, onde exerce como directora creativa executiva. Recoñecida por Forbes como unha das persoas máis creativas do mundo dos negocios en 2025, é tamén autora do libro Volverán las naranjas.

A programación completa de Flúor 2026 darase a coñecer proximamente. Colaboran co congreso o Concello de Pontevedra, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia.