Explorando os límites do Hardware RX

O CIS Tecnoloxía e Deseño, pertencente á Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, situado en Ferrol, ten entre outras misións ser impulsor da innovación, tanto en empresas coma en entidades do ecosistema galego de I+D+i, co fin de xerar valor económico social e sostible.

Entre as accións que desenvolve con ese obxectivo atópanse unha serie de eventos formativos e divulgativos que ven realizando desde hai uns anos e que se presentan baixo o nome de “Encontros de Tecnoloxías Innovadoras”, realizados en colaboración coa o rede Enterprise Europe Network.

Dentro destas actividades divulgativas, o próximo 19 de setembro desenvolverase no CIS Tecnoloxía e Deseño o evento presencial “Explorando os límites do Hardware RX” no que diversas empresas e centros de coñecemento de recoñecido prestixio mostrarán como están a utilizar o hardware de realidade virtual, realidade aumentada e mixta, e permitirán que os visitantes profesionais poidan comprobar as súas capacidades e decidir cales deles se axustan mellor ás súas necesidades.

O evento iniciarase cun Acto de Apertura no que contaremos coa presenza da directora da Axencia Galega de Innovación que expoñerá as medidas que a Xunta de Galicia toma en relación ao impulso da innovación entre as empresas e o ecosistema galego de I+D+i.