O Clúster da Comunicación de Galicia presenta en Vigo o proxecto Pegadas xunto a entidades de Galicia e Portugal

O Clúster da Comunicación de Galicia presenta en Vigo o proxecto Pegadas xunto a entidades de Galicia e Portugal.

Esta mañá celebrouse no Edificio Redeiras de Vigo a presentación de Pegadas, un innovador proxecto, enmarcado no programa Interreg-Poctep, que ten como obxectivo ofrecer a mozos e mozas de entre 18 e 29 anos unha experiencia transformadora no Camiño de Santiago, enfocada en potenciar a súa empregabilidade.

O evento contou coa participación de representantes de asociacións e de institucións como José Antonio Rodríguez Fachado, director territorial de Promoción do Emprego e Igualdade, ou representantes da Universidade de Santiago de Compostela, unha das principais entidades detrás do proxecto Pegadas. Así mesmo, estiveron presentes na xornada outros beneficiarios do programa como Femxa, CIM Alto Minho, Instituto Politécnico de Viana do Castelo, Politécnico do Porto e o Clúster da Comunicación de Galicia. En representación das entidades portuguesas interveu Paula Vale, vicepresidenta do Instituto Politécnico de Viana do Castelo.

Durante a xornada presentáronse as actividades previstas, os obxectivos específicos e as oportunidades que Pegadas ofrecerá aos mozos participantes a través de varias ponencias e intervencións. Xosé Luis Reza, experto en márketing, socio de Iuni Strategic Marketers e presidente do Clúster do Ecomerce Galego, deu a coñecer as oportunidades do Camiño de Santiago tamén como un lugar de xeración de emprego e emprendemento para a mocidade, coa ponencia “O Camiño como xerador de oportunidades de emprendemento”.

Durante a xornada, os asistentes puideron coñecer o itinerario formativo que combina emprendemento, dixitalización e sustentabilidade. Pegadas propón unha formación previa a cada ruta e, durante o traxecto, actividades locais que permitirán aos participantes explorar a cultura do Camiño. Ao finalizar cada expedición, os mozos realizarán unha curtametraxe que reflicta a súa aprendizaxe e dea visibilidade a esta histórica ruta.

Os obxectivos destacados do proxecto son impulsar a colaboración entre universidades, empresas de formación e entidades públicas locais para crear programas innovadores de formación, como o Outdoor Learning, dirixidos a mozos con dificultades para completar cursos regrados. Poñer en valor o Camiño de Santiago como eixo vertebrador de experiencias transfronteirizas, mediante vídeos elaborados polos mozos participantes nas expedicións do proxecto Pegadas, ao mesmo tempo que adquiren competencias dixitais. Ademais, desenvolver unha metodoloxía conxunta que integre enfoques híbridos, combinando e-learning e actividades presenciais, para fortalecer competencias clave en mozos que nin estudan nin traballan, facilitando o seu acceso a programas de formación para o emprego e a vida. Por último, brindar apoio a mozos en risco de exclusión social e a aqueles de zonas rurais con limitado acceso a programas de formación.

Este proxecto foi cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP).