Entrevista a Xabier Fortes, Premio Paraugas de Honor 2022

Xabier Fortes. Paraugas de Honor 2022

Xabier Fortes é un dos xornalistas galegos máis recoñecidos dentro do panorama nacional. O Clúster da Comunicación decidiu outorgarlle, na súa edición de 2022, un Premio Paraugas de Honor, pola súa traxectoria profesional e o seu papel como defensor dunha información veraz e de calidade.

Traballas como comunicador dende o ano 1988. Como mudou a situación do xornalismo dende a túa perspectiva?
A base segue sendo a mesma, informar e interpretar a actualidade, aínda que agora pode que teña collido máis peso a opinión. Tamén se están abrindo, ao meu entender, máis fendas entre a realidade interpretada e a opinión dos medios segundo a tendencia editorial. Digamos que iso da polarización tamén se instalou nos medios. Tamén cambiaron en certa medida a linguaxe e, sobre todo, as ferramentas tecnolóxicas que inflúen evidentemente no xeito de facer xornalismo.

“A información non é un produto gratuíto”

Na época do clickbait, dos bulos, das fake news… Quen é o verdadeiro responsable cando un contido se viraliza? O xornalista ou o lector?
Quizais pode que sexa algo compartido, pero para min segue habendo sempre máis responsabilidade no emisor, no que edita, redacta e titula unha información. Como consumidor de información o que fago é non contribuír a esa cadea perniciosa e nunca picar nos titulares-cebo e tramposos do tipo ‘Lo que nunca hubieras imaginado que…’ ou semellantes.

Como podemos combater a desinformación?
A desinformación combátese informándose; lendo, escoitando a radio, un informativo en televisión… Hai medios serios e profesionais dabondo, de distintas tendencias, e os libelos tóxicos son facilmente identificables para fuxir deles.

Numerosos xornais e medios online comezan a ofrecer subscricións e contidos baixo pago. Chega tarde o xornalismo español á hora de monetizar o seu traballo en internet? Como repercute isto na prensa escrita?
A información non é un produto gratuíto nin pode selo nunca. Sempre haberá un xornalista recollendo información e redactando unha noticia ou unha reportaxe, un fotógrafo sacando unha instantánea, un cámara gravando e emitindo… Acostumámonos a pensar que só coa publicidade online se podería compensar e foi un erro tremendo que desprestixiou o noso traballo e que agora estamos pagando. Por fortuna parece que se vai corrixindo e cada vez máis xornais teñen muros para subscritores. Quizais sexa necesario un gran acordo entre grupos de medios nese sentido.

Co paso dos anos, é máis complicado facer autocrítica do propio traballo? Que consideras que se pode mellorar dentro da televisión pública?
Temos atravesado por etapas mellores e peores. Eu defendo moito o labor da televisión publica, aos meus compañeiros. Iso permíteme ser crítico cando creo que hai que selo. Agora mesmo en RTVE estamos nun momento de transición e non agacho que me sinto moi identificado co traballo desenvolvido. Non sempre foi así, por desgraza.

“Síntome moi identificado co traballo desenvolvido dende RTVE”

Acumulas recoñecementos de gran calibre no eido xornalístico e comunicativo, como o Micrófono de Ouro ou o Premio Ondas. Que significa para ti recibir este Premio Paraugas de Honor?
Sobre todo foi unha enorme sorpresa, e tal como está o oficio e coa que está caendo, o do paraugas está ben tirado. E, por suposto, que se entregase en Ourense, non podía ser noutro sitio, falando de paraugas. Ao non ser esperado fíxome polo tanto máis ilusión. Foi unha gran satisfacción volver a ver compañeiros que non vía dende había moito tempo, algún incluso dende a facultade, hai xa máis de tres décadas. Ademais encantoume a gala e a posta en escena. Marabillosos os presentadores e a música en directo. Parabéns pola organización.

Texto extraído do número 31 de Rúbrica Dixital.