Entidades de Galicia e Portugal presentan en Valença o proxecto Pegadas

Entidades de Galicia e Portugal presentan en Valença o proxecto Pegadas, un programa formativo para promover a empregabilidade da mocidade a través do Camiño de Santiago
O Proxecto PEGADAS é unha iniciativa transfronteiriza entre Galicia e Portugal que busca ofrecer a mozos e mozas de entre 18 e 29 anos unha experiencia única no Camiño de Santiago, combinando formación e aventura para mellorar a súa empregabilidade. Trátase dun programa de aprendizaxe experiencial que permite ás persoas participantes descubrir novas culturas, conectar con outros mozos e mozas e vivir unha experiencia transformadora mentres percorren o Camiño. A través de expedicións enfocadas no desenvolvemento da empregabilidade, recibirán formación en áreas clave como emprendemento, dixitalización e sustentabilidade.
Antes de iniciar cada percorrido, a mocidade completará un curso en liña e, durante a camiñada, participará en actividades locais para explorar a cultura do Camiño. Ao rematar, crearán unha curtametraxe que reflectirá a súa aprendizaxe e dará visibilidade á ruta histórica.
Presentación de PEGADAS
O 31 de marzo tivo lugar unha sesión de presentación na Escola Superior de Ciencias Empresariais – IPVC Valença. Durante a sesión déronse a coñecer os detalles do programa, os seus obxectivos e os beneficios que ofrece á mocidade participante.
O evento contou coa participación de José Luis Vilar, Digital Business Officer en Lenda Pet Food, que abordou o impacto da dixitalización no mundo empresarial, e de Paulo Stenzel, Creative Strategist, especialista en estratexias creativas e innovación dixital.
Pegadas é un proxecto impulsado pola Universidade de Santiago de Compostela, Femxa, CIM Alto Minho, Instituto Politécnico de Viana do Castelo, Politécnico do Porto e o Clúster da Comunicación de Galicia.
Tamén asistiron representantes das entidades involucradas, entre eles a vicepresidenta do IPVC, Ana Paula Vale; o director da ESCE-IPVC, Luis Barreto; e os responsables do Centro de Emprego (IEFP) de Valença e de Arcos de Valdevez.
O Proxecto PEGADAS ten como principais obxectivos:
✅ Fomentar a colaboración entre universidades, empresas de formación e entidades públicas locais para crear programas formativos innovadores.
✅ Poñer en valor o Camiño de Santiago como eixo estruturador de experiencias transfronteirizas.
✅ Desenvolver unha metodoloxía conxunta que integre enfoques híbridos de aprendizaxe.
✅ Facilitar o acceso á formación para mozos e mozas en risco de exclusión social e de zonas rurais con acceso limitado a programas educativos.
Este proxecto foi cofinanciado pola Unión Europea a través do Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.