O programa Alento consolida o seu valor estratéxico para o emprendemento galego

O programa Alento consolida o seu valor estratéxico para o emprendemento galego.

O Clúster da Comunicación de Galicia celebrou hoxe en HI Coruña o evento de peche da segunda edición de Alento, impulso á comunicación para emprender, un programa que pon á disposición de iniciativas emprendedoras de Galicia un catálogo gratuíto de servizos profesionais de comunicación, márketing, deseño, audiovisual, comercio electrónico e impresión.

Impulsado polo Clúster e pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Alento consolidouse como unha ferramenta estratéxica para fortalecer proxectos de recente creación, con especial atención ao comercio local, á dinamización económica dos concellos de menos de 25.000 habitantes e ao emprendemento situado no medio rural.

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, abriu a xornada destacando “o éxito que Alento está a ter entre as persoas emprendedoras dos Polos de Emprendemento, que ven neste programa unha vía directa para profesionalizar a súa comunicación e dar un salto adiante no seu posicionamento”. Subliñou ademais que “unha boa comunicación é esencial para impulsar calquera iniciativa: axuda a mostrar o valor diferencial, atraer clientela e xerar novas oportunidades de negocio”.

Un encontro para compartir coñecementos, experiencias e visión estratéxica

O acto de peche foi concibido como un espazo de reunión entre persoas emprendedoras e profesionais do sector da comunicación, favorecendo o intercambio de experiencias, a aprendizaxe práctica e a creación de sinerxías.

Ao longo da mañá, os participantes puideron coñecer de primeira man ferramentas, consellos e análises ofrecidos por distintas axencias e expertos vinculados ao Clúster da Comunicación de Galicia.

A sesión central, Os pecados capitais da comunicación en emprendedores e PEMEs, reuniu a Isaac González (Recados Carmen / Rei Zentolo), Paula Bouzas (Mardy Bum), Nuria Goldar (Digma Digital) e Jerónimo Cabanas (Bannister Global). Con exemplos reais e unha aproximación dinámica, analizaron os erros máis habituais que dificultan a visibilidade e a conexión co público en pequenos negocios.

Tras esta sesión, Jesús López, xerente de Ontyche, impartiu a charla Da invisibilidade ao impacto: estratexia dixital para PEMEs, centrada en mellorar a presenza en liña e comunicar con maior eficacia no contorno dixital.

O talento emprendedor galego toma a palabra en ALENTO LIVE · Pitch & Feedback

O espazo ALENTO LIVE · Pitch & Feedback converteuse nun dos momentos máis valorados do encontro, permitindo a varias persoas emprendedoras participantes presentar os seus proxectos ante expertos do sector e recibir recomendacións personalizadas. Interviron Silvia Martínez (Barvantia), Álvaro Vázquez (AV Mesas de Autor), Cintia Lombarda (Sekirrumm) e Iago Ríos e Iria López (Xesta Asesoría), quen coincidiron en destacar a utilidade dos servizos recibidos e a mellora significativa da súa capacidade para comunicar e posicionar os seus negocios.

As vinte e oito iniciativas emprendedoras que formaron parte desta edición sinalaron como especialmente valioso o acompañamento profesional, a claridade das ferramentas proporcionadas e a oportunidade de compartir un espazo común con outras persoas emprendedoras en situación similar.

Un programa que impulsa o desenvolvemento empresarial e fortalece a cohesión territorial

No peche institucional, o presidente do Clúster da Comunicación de Galicia, Alberto Garnil, destacou que “Alento é xa un programa plenamente consolidado, que demostra ano tras ano o impacto real que ten a comunicación profesional na evolución dun negocio. Grazas á colaboración entre o Clúster e a Consellería puidemos achegar servizos de alto valor a persoas emprendedoras de todo o territorio, especialmente a aquelas situadas no rural, onde iniciativas como esta resultan esenciais para xerar igualdade de oportunidades e fortalecer o tecido económico local”.

O evento rematou cun espazo de networking que permitiu crear contactos, compartir inquedanzas e establecer novas sinerxías entre persoas emprendedoras, expertos e empresas do sector, pechando de forma exitosa unha edición que reforza Alento como un programa imprescindible para o emprendemento galego.