O programa Alento pecha con éxito a súa segunda edición e celebrará na Coruña un encontro para emprendedores

O programa Alento pecha con éxito a súa segunda edición e celebrará na Coruña un encontro para emprendedoras e emprendedores

O Clúster da Comunicación de Galicia celebrará este xoves catro de decembro na Coruña o evento de peche da segunda edición de Alento, impulso á comunicación para emprender, un programa que pon a disposición de iniciativas emprendedoras de Galicia un catálogo gratuíto de servizos de comunicación, márketing, deseño, audiovisual, ecommerce e impresión. Impulsado polo Clúster e pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, o programa reforzou este ano o seu compromiso co comercio local e de proximidade, así como cos proxectos radicados en concellos galegos de menos de vinte e cinco mil habitantes, contribuíndo ao equilibrio territorial e á dinamización do medio rural e semiurbano.

O encontro, que se celebrará en Hi Coruña, comezará ás 10:30 h. cunha presentación que contextualizará o peche do programa e dará paso á benvida institucional e ao balance de Alento 2025. Neste bloque participarán Alberto Garnil, presidente do Clúster da Comunicación de Galicia; Marta Mariño, directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social; e Pablo Fernández, secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, quen abordarán os principais logros, aprendizaxes e o impacto xerado ao longo desta segunda edición.

A partir das 10:50 h., a xornada afondará nun dos seus contidos centrais: unha sesión dinámica na que distintas profesionais do sector analizarán os erros máis frecuentes que cometen persoas emprendedoras e pequenas empresas á hora de comunicar. Baixo o título “Os pecados capitais da comunicación no emprendemento e nas PEMEs”, Isaac González (Recados Carmen / Rei Zentolo), Paula Bouzas (Mardy Bum), Nuria Goldar (Digma Digital) e Jerónimo Cabanas (Bannister Global) compartirán exemplos reais e ofrecerán recomendacións prácticas para mellorar a efectividade da comunicación empresarial.

A mañá continuará ás 11:30 h. coa charla “Da invisibilidade ao impacto: estratexia dixital para PEMEs”, impartida por Jesús López, xerente de Ontyche, quen explicará como dar un salto adiante na presenza dixital, gañar visibilidade, conectar co público e comunicar de forma máis eficaz no contorno en liña, con orientacións aplicables a todo tipo de proxectos e sectores.

Ás 12:15 h., o protagonismo recaerá nas propias persoas emprendedoras participantes do programa Alento, que presentarán os seus proxectos na sesión ALENTO LIVE · Pitch & Feedback. Neste espazo intervirán Silvia Martínez (Barvantia), Álvaro Vázquez (AV Mesas de Autor) e Cintia Lomba (Skeirrum), quen compartirán os seus aprendizaxes e recibirán comentarios e suxestións de profesionais do Clúster. A xornada culminará a partir das 12:35 h. cun pincho e un espazo de networking, concibido para favorecer o intercambio de ideas, a creación de contactos e a xeración de sinerxías entre as persoas asistentes.

Un programa consolidado ao servizo do emprendemento galego

Alento converteuse nunha ferramenta estratéxica para que autónomas, autónomos e pequenas empresas de Galicia fortalezcan a súa comunicación, constrúan marcas máis sólidas e acaden unha mellor conexión cos seus públicos. O seu funcionamento permite que cada beneficiario ou beneficiaria elixa o servizo que necesita e a empresa fornecedora que mellor se axusta ao seu proxecto, dentro do catálogo das trinta e oito firmas do Clúster da Comunicación de Galicia participantes nesta edición.

Deseñado para apoiar iniciativas de recente creación (cun máximo de corenta e dous meses de antigüidade) e orientado a sectores moi diversos, o programa persegue que os novos negocios melloren a percepción dos seus produtos ou servizos e adquiran ferramentas para competir nun mercado cada vez máis esixente. A súa aposta polo comercio de proximidade e polos territorios menos poboados convérteno, ademais, nunha iniciativa que xera impacto máis alá do ámbito empresarial, favorecendo a cohesión económica e social do territorio galego.

Alento está impulsado polo Clúster da Comunicación de Galicia coa colaboración da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, no marco dun convenio de colaboración que pon ao servizo do emprendemento galego a experiencia, innovación e capacidade das empresas do sector.