O congreso Flúor regresará a Pontevedra os días 14 e 15 de maio baixo o lema ‘O valor de elexir”

O congreso Flúor regresará a Pontevedra os días 14 e 15 de maio baixo o lema ‘O valor de elexir”
Flúor, o principal evento de márketing, comunicación e creatividade de Galicia, celebrará a súa oitava edición os días 14 e 15 de maio en Pontevedra. Baixo o lema O valor de elixir, o congreso volverá converter a cidade nun punto de encontro para profesionais, empresas e especialistas do sector nun espazo pensado para a reflexión, a innovación e a vangarda.
Organizado polo Clúster da Comunicación de Galicia coa colaboración de Creatividade Galega e Markea, Flúor avanzará proximamente a programación dunha cita que, ano tras ano, sitúa Galicia como un grande eixe creativo. O congreso pon en valor o traballo que desenvolven as empresas da comunidade, ao tempo que inspira o tecido profesional con conferencias e conversas protagonizadas por relatoras e relatores de grande repercusión internacional.
Consolidado como unha referencia dentro do sector, Flúor reúne en cada edición voces destacadas do márketing, a publicidade, a creatividade e a comunicación, ademais de favorecer o intercambio de ideas, a xeración de contactos e a análise dos grandes retos dun ámbito en constante transformación. O congreso converteuse así nunha plataforma desde a que visibilizar o talento galego, conectar a industria coas novas tendencias e abrir espazos de diálogo sobre o presente e o futuro da profesión.
Na súa última edición, celebrada tamén en Pontevedra, Flúor volveu confirmar a súa capacidade para atraer destacados nomes do sector e para artellar unha programación diversa, con relatorios, mesas redondas, obradoiros, entrevistas e espazos de networking. Ao longo de dúas xornadas pasaron polo congreso perfís como Laureano Turienzo, Xisela López, Sonia Paz, María Canle, Jesús Cubero, Alfons Cornellá, Toni Fernández ou Jorge Sandua, ademais de celebrarse un dos momentos máis agardados do programa coa conversa entre o xornalista Manuel Jabois e Marián Mouriño, presidenta do RC Celta.
A sétima edición reafirmou, ademais, a vocación de Flúor como un foro útil tanto para profesionais consolidadas e consolidados como para novas xeracións vinculadas ao sector. A programación incluíu actividades formativas, encontros entre alumnado e empresas, análises de casos de éxito e contidos centrados nalgunhas das principais tendencias do momento.
Esta nova edición dará continuidade a esa traxectoria cunha proposta que volverá mirar ao presente do sector desde Galicia, reivindicando a súa capacidade para xerar discurso, detectar oportunidades e proxectar creatividade con identidade propia. Os contidos e participantes de Flúor 2026 daranse a coñecer proximamente.


