O congreso de marketing Flúor volve a Pontevedra os días 15 e 16 de maio

O congreso de marketing Flúor volve a Pontevedra os días 15 e 16 de maio
O congreso de márketing Flúor volverá á cidade de Pontevedra para celebrar a súa sétima edición, sendo xa un evento consolidado para os profesionais do sector. Os días 15 e 16 de maio a cidade acollerá a centos de expertos en comunicación, márketing ou publicidade que se xuntarán para escoitar a algunhas das voces máis destacadas do panorama estatal. O evento, que busca inspirar e poñer en valor a industria galega como un referente a nivel nacional, contará tamén con mesas redondas e diferentes actividades.
O auditorio de Afundación repetirá como sede deste evento que organiza o Clúster da Comunicación de Galicia. Na pasada edición, Flúor reafirmou o seu papel como un dos encontros de referencia no ámbito do márketing, a publicidade e a comunicación dixital en España, convertendo a cidade no epicentro das tendencias máis actuais en creatividade, branding e transformación dixital. Entre os relatores máis destacados figuraron referentes internacionais como Luis Bassat, lenda viva da publicidade no ámbito hispano; Toni Segarra, considerado un dos creativos máis influentes do país; Andy Stalman, experto en identidade corporativa coñecido como “Mr. Branding”; e Inês Fonseca, publicista e Head of Marketing Southern Europe de Johnnie Walker.
As diferentes intervencións, mesas redondas e encontros non só ofreceron unha visión profunda sobre os desafíos actuais do sector, senón que tamén inspiraron á audiencia con reflexións sobre o papel da intelixencia artificial, a sustentabilidade e a ética na comunicación contemporánea. O programa do congreso incluíu, ademais, mesas redondas, obradoiros prácticos e actividades como o “Speed Dating” entre empresas e novos talentos, consolidando un espazo de conexión real entre innovación, formación e oportunidades profesionais. Unha liña que continuará na nova edición cun programa que se desvelará proximamente.
Colaboran con Flúor o Concello de Pontevedra, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia.