O congreso de marketing Flúor presenta en Pontevedra a súa sétima edición cunha programación de máis de 30 relatores

O congreso de marketing Flúor presenta en Pontevedra a súa sétima edición cunha programación de máis de 30 relatores de impacto nacional e internacional

O congreso de marketing Flúor presentou esta mañá a súa programación para a sétima edición, que volverá celebrarse na cidade de Pontevedra os días 15 e 16 de maio. Cunha programación de máis de trinta poñentes, o evento regresa á cidade para convertela no centro da creatividade. Flúor celebrará así unha edición xa consolidada como un evento de referencia a nivel estatal e estreando o selo “Una de dos”, da asociación Más Mujeres Creativas. É o segundo evento nacional que conta con esta certificación que garante o seu compromiso coa igualdade no sector.

Nesta edición, por primeira vez, Flúor conta co apoio de tres institucións: Concello de Pontevedra, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia a través da Consellería de Emprego, o que o sitúa como un evento estratéxico na comunidade. A concelleira Eva Villaverde destacou que “apostar por este congreso é apostar pola creatividade. Un sector que debe ser prioritario por todo o que move, tamén a nivel profesional e económico”. Villaverde explicou como Flúor xa é un evento asentado na cidade. Rafael Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra, puxo en valor esta colaboración entre institucións: “Eventos coma este dan á cidade un halo de modernidade que temos que propagar entre todas as institucións”. Pablo Fernández, secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, destacou a importancia de “facer este tipo de congresos dende a periferia estatal, porque en Galicia temos moito que dicir no mundo da creatividade”, sinalando tamén ao sector da comunicación e do marketing como un sector en auxe na comunidade, “xerador de emprego de calidade e fixado ao territorio”.

O presidente do Clúster da Comunicación de Galicia, Alberto Garnil, presentou a programación: “Serán máis de 30 poñentes de prestixio nacional e internacional os que pasarán por Flúor con relatorios, mesas redondas, obradoiros ou entrevistas”. Ademais, explicou como Flúor gaña ano tras ano reputación a nivel nacional, sendo xa un evento de referencia no sector. Garnil agradeceu o compromiso da cidade co evento, así como o apoio institucional.

UNHA PROGRAMACIÓN NA QUE DESTACARÁ O TALENTO GALEGO

Encabeza o cartel de Flúor Laureano Turienzo, un dos maiores expertos en retail a nivel mundial. Turienzo é presidente da Asociación Española de Retail e do Círculo Iberoamericano do Retail. Foi elixido por Favikon como o maior “influencer” retail en español a nivel mundial e Top Voice España por parte de LinkedIn. Tamén pasará por Pontevedra Jorge Sandua, creativo e fundador de PutosModernos, unha marca que se caracteriza por deseñar produtos e campañas virais para sobrevivir, sempre dende o humor, á “vida moderna”. Sandua, enxeñeiro de profesión, soubo converter o seu enxeño nun fenómeno de masas, entrando na lista de Forbes dos 100 mellores creativos no mundo dos negocios.

O talento galego terá un protagonismo especial nesta edición de Flúor, que será tamén todo un escaparate para a industria, con profesionais que desenvolveron a súa carreira dentro ou fóra de Galicia. Estará en Flúor Xisela López, tamén unha das keynote speakers, directora creativa executiva en Sra Rushmore e seleccionada como unha das persoas máis creativas no mundo dos negocios pola revista Forbes. Desde dentro da industria galega falará María Canle, directora de Comunicación Global e Sostibilidade en El Pulpo e Nanos e Vicepresidenta 2ª de Dircom Galicia. Nunha conversa máis informal, o xornalista pontevedrés Manuel Jabois entrevistará a Marian Mouriño, presidenta do Real Club Celta de Vigo, para coñecer de primeira man a estratexia de comunicación e marketing que está situando ao club como un dos máis innovadores neste eido.

Ademais, empresas como Krack, Root Café, Galiwonders, Kelea, Grupo Cuevas ou Bodegas Martín Códax expoñerán casos de éxito en campañas de marketing ou comunicación que levaron a cabo no último ano, mediante exposicións de 10 minutos no marco do Espazo Markea + Ecommerce.

Outros relatorios destacados serán os de Javier Valtas, de Proyectar Digital Learning, titulado “As preguntas funcionan”; Carmelo & Willy, creativos da axencia do mesmo nome, ou Alfons Cornella, fundador de Curiosity Atelier, Institute of Next, Infonomia e EDGERS.

Xunto cos relatorios levaranse a cabo diferentes mesas redondas con voces expertas. En “Experiencias de impacto no branding do presente e do futuro” participarán Julián Prieto, Director creativo e Desenvolvemento de negocio en Atresmedia Publicidade; Carlos Lorenzo, CEO en AVANT Events, e moderará Miguel Ángel Fernández, Director de Marketing en LG. Como novidade nesta edición realizarase por primeira vez en directo en Pontevedra o podcast “Con C de Copy”, un dos máis seguidos no ámbito da creatividade, que terá como convidados a Ramón de Meer, Director de Marketing España e Portugal en Estrella Galicia e Lis M. Torrón, Executive Creative Director en RECLAM.

Colaboran con Flúor o Concello de Pontevedra, Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia, Recados Carmen e Raiola Networks. Tamén apoian o congreso ABANCA, Avante, Mardy Bum e Sutag.