O Clúster da Comunicación de Galicia inicia nova etapa con Marta Ferro como presidenta

O Clúster da Comunicación de Galicia inicia unha nova etapa coa renovación da súa xunta directiva, que estará presidida por Marta Ferro, directora xeral de Closet. O novo equipo asume o mandato 2026-2029 co obxectivo de construír unha entidade máis forte, útil e autónoma, capaz de representar a diversidade da cadea de valor da comunicación en Galicia e de xerar novas oportunidades para empresas e profesionais do sector.
“Propoñemos unha evolución cara a un modelo máis executivo, máis transversal e con maior capacidade de acción”, sinala Marta Ferro, que fixa como obxectivos do proxecto que lidera ampliar a base social, escoitar as necesidades do sector, impulsar proxectos compartidos e dotar o Clúster dunha estrutura profesional que permita captar financiamento, xerar alianzas e ofrecer servizos de valor real ás empresas e profesionais que forman parte do sector da comunicación.
A partir desta visión, entre as prioridades do novo mandato figuran a captación de socios, o impulso de novas alianzas, a construción dunha estrutura interna sólida e o desenvolvemento de iniciativas que contribúan a reforzar a competitividade, a visibilidade e a capacidade de impacto do sector.
Unha directiva renovada e transversal
A nova xunta directiva executiva estará integrada por Marta Ferro, directora xeral de Closet, como presidenta; Domingo Torrón, director xeral de Reclam, como vicepresidente; Daniel Bembibre, socio director de Costa, como secretario; e Fátima Carmena, CEO de Nasas, como tesoureira. As súas traxectorias achegan unha visión vinculada á comunicación estratéxica, á construción de marcas, á creatividade, ao deseño, á estratexia dixital e ao posicionamento corporativo.
Como vogais incorpóranse Judit Cabana, CEO de FEMÜR Project e especialista en estratexia, comunicación, innovación e sustentabilidade; Daniel Rodríguez, fundador e CEO de Imprimeverde, empresa especializada en impresión en gran formato; David Pequeño, CEO de ingenyus*, axencia centrada en marketing, comunicación e innovación para proxectos de I+D+i; e Chechu Pérez Seoane, profesional independente, doutor en Ciencias da Comunicación, docente universitario e cunha ampla traxectoria no ámbito publicitario e institucional.
A composición do equipo reflicte a vontade de integrar diferentes ámbitos da cadea de valor da comunicación en Galicia, desde a creatividade, o marketing e a innovación ata a impresión, a transferencia de coñecemento, o ámbito académico e os servizos profesionais.
Crecer, planificar e executar
O plan 2026-2029, presentado na Asemblea Xeral celebrada o pasado venres 29 de maio en Santiago de Compostela, articúlase arredor de tres prioridades: crecer, planificar e executar. O obxectivo, sinala Ferro, é transformar as ideas en proxectos concretos vinculados ao financiamento, á visibilidade, á formación, á innovación e á internacionalización. “Galicia conta cun sector da comunicación con talento, creatividade e capacidade de impacto; agora necesitamos unha estrutura común para proxectar todo ese potencial con máis ambición”, subliña.
A nova presidenta asume esta etapa “cunha gran responsabilidade, ilusión e unha profunda confianza no valor do sector para impulsar Galicia”. Neste sentido, subliña que “a comunicación non é un elemento accesorio: é estratexia, reputación, creatividade, industria, innovación e tamén territorio”.


