Comezan os “Obradoiros de dixitalización” no que empresas do sector da comunicación aprenden sobre tecnoloxías DATA

Comezan os “Obradoiros de dixitalización” no que empresas do sector da comunicación aprenden sobre tecnoloxías DATA
O pasado venres comezaron os Obradoiros de Dixitalización: “Exploración de tecnoloxías DATA a través do adestramento práctico”, unha iniciativa financiada polo IGAPE e deseñada especificamente para empresas do sector da comunicación.
O Clúster da Comunicación de Galicia organiza estes obradoiros, que teñen un enfoque eminentemente práctico, co obxectivo de axudar ás persoas participantes a explorar e aplicar ferramentas de intelixencia artificial (IA) e business intelligence (BI) nos procesos e decisións das súas empresas. Ademais, cada entidade participante recibirá un diagnóstico individualizado con recomendacións adaptadas á súa situación.
O pasado venres Juanjo Milla, CEO de MILMOH, presidente de ANBAN e asesor do Ministerio de Transformación Dixital, e Gerardo Estévez, director de ELIGE Plus e coordinador do programa, con máis de 200 proxectos de transformación estratéxica en Galicia, impartiron o Obradoiro práctico de IA.
Nos seguintes obradoiros, que tratarán sobre BI e a xornada de diagnóstico e valoración do proxecto, participará tamén Alejandro G. Morgade, socio responsable de BI en ELIGE Plus, con máis de 100 implantacións en empresas e administracións galegas.
O Clúster da Comunicación de Galicia busca con este proxecto mellorar as capacidades dixitais das empresas galegas do sector, así como detectar oportunidades colectivas para impulsar proxectos sectoriais transformadores.