Alento presenta a terceira edición nun evento en Pontevedra

ALENTO ABRE A TERCEIRA EDICIÓN E PON A COMUNICACIÓN PROFESIONAL AO SERVIZO DAS INICIATIVAS EMPRENDEDORAS GALEGAS

O Clúster da Comunicación de Galicia celebrou hoxe no Museo de Pontevedra a xornada Alento. Problemas reais. Solucións reais, un encontro dirixido a persoas autónomas e pequenas empresas galegas no marco da presentación da terceira edición de Alento, impulso á comunicación para emprender. O programa, desenvolvido en colaboración coa Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, ofrece servizos profesionais gratuítos de comunicación, márketing, deseño, audiovisual, ecommerce ou impresión para axudar as iniciativas emprendedoras a mellorar a súa visibilidade, reforzar a súa marca e avanzar na comercialización dos seus produtos ou servizos.

A convocatoria desta terceira edición permanece aberta ata o 17 de xuño a través da web oficial do programa e está dirixida a proxectos emprendedores galegos, tanto persoas autónomas como pequenas empresas, cunha antigüidade máxima de 42 meses e usuarias dalgún dos Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Xunta de Galicia.

O encontro contou coa participación de Marta Ferro, presidenta do Clúster da Comunicación de Galicia; Marta Mariño, directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social; e Pablo Fernández, delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, que foi o encargado de pechar a xornada. Na súa intervención, Fernández salientou que Alento é un programa que pon ao dispor das persoas emprendedoras ferramentas útiles para sacar adiante os seus negocios da man das empresas e profesionais que forman parte do Clúster da Comunicación de Galicia.

Casos reais e respostas prácticas

A xornada reuniu profesionais da comunicación, o márketing e a empresa para reflexionar sobre algúns dos principais retos que afrontan os proxectos nas súas primeiras etapas: como diferenciarse, como gañar visibilidade, como priorizar canles e accións de comunicación ou como manter unha relación sólida coa clientela despois da venda.

A programación combinou casos de éxito, como o de Casa Grande de Xanceda, coa visión de empresas especializadas que acompañan outros proxectos no desenvolvemento da súa comunicación e do seu márketing. Tamén incluíu unha mesa redonda e un consultorio de comunicación en directo, no que diferentes expertos responderon dúbidas concretas das persoas asistentes e subliñaron a importancia de incorporar unha estratexia de comunicación desde o inicio do emprendemento.

Na sesión participaron Sara Torreiro, responsable de márketing e comunicación en Casa Grande de Xanceda; Emanuele Ricciotti, CEO de Clickage; Miguel Ángel Souto, director de CIMAK e consultor de vendas e márketing; e Javier Varela, director de Javier Varela Márketing e consultor de márketing. As súas intervencións abordaron cuestións como a construción dunha marca con personalidade propia, a elección das canles máis axeitadas cando se empeza a comunicar ou a importancia da fidelización para xerar recomendacións e novas oportunidades comerciais.

Comunicación para medrar

Alento consolídase nesta terceira edición como unha ferramenta de acompañamento para proxectos emprendedores que precisan reforzar a súa marca, mellorar a súa presenza pública e avanzar na comercialización dos seus produtos ou servizos.

As iniciativas seleccionadas poderán escoller un dos dez servizos incluídos no catálogo do programa: imaxe corporativa, web corporativa, ecommerce, accións de márketing dixital, gráficas publicitarias, plan de márketing, investigación de mercados, estratexia de comunicación, vídeo márketing e impresión. Estes traballos serán desenvolvidos por empresas e profesionais vinculados ao Clúster da Comunicación de Galicia.

Nesta nova edición terán especial consideración os proxectos que destaquen pola súa innovación, polo uso da tecnoloxía, pola súa localización en zonas rurais ou semiurbanas ou pola súa relación con sectores estratéxicos. Deste xeito, Alento busca contribuír ao crecemento e á consolidación de novas iniciativas empresariais galegas mediante ferramentas profesionais de comunicación, visibilidade e estratexia de marca.