Alento abre a súa terceira edición para axudar aos emprendedores galegos a vender mellor

ALENTO ABRE A SÚA TERCEIRA EDICIÓN PARA AXUDAR AOS EMPRENDEDORES GALEGOS A VENDER MELLOR A TRAVÉS DA COMUNICACIÓN

O Clúster da Comunicación de Galicia, en colaboración coa Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, abre a terceira edición de Alento, impulso á comunicación para emprender, un programa destinado a apoiar o crecemento de iniciativas emprendedoras galegas a través de servizos profesionais de marketing, comunicación, deseño, audiovisual, ecommerce ou impresión.

A convocatoria permite que persoas autónomas e pequenas empresas accedan gratuitamente a un catálogo de solucións pensadas para mellorar a súa visibilidade, reforzar a súa estratexia de marca, conectar coa súa clientela e avanzar na comercialización dos seus produtos ou servizos. As solicitudes poderán presentarse a través do formulario dispoñible na páxina web oficial do programa ata o 10 de xuño.

Con esta nova edición, Alento consolida o seu papel como ferramenta de acompañamento para proxectos emprendedores que precisan profesionalizar a súa comunicación nas primeiras fases de actividade. Nun mercado cada vez máis competitivo, contar cunha marca ben definida, unha presenza dixital coidada e unha estratexia de comunicación axeitada pode ser decisivo para diferenciarse, captar novos públicos e medrar de maneira sostible.

Servizos profesionais  de balde

As iniciativas seleccionadas poderán acceder a un dos dez servizos incluídos no catálogo de Alento, que abrangue ámbitos como imaxe corporativa, web corporativa, ecommerce, accións de marketing dixital, gráficas publicitarias, plan de marketing, investigación de mercados, estratexia de comunicación, vídeo marketing e impresión. Estes traballos serán desenvolvidos por empresas e profesionais vinculados ao Clúster da Comunicación de Galicia, poñendo así o coñecemento do sector galego da comunicación, a creatividade e o marketing ao servizo de novos proxectos empresariais.

Cada iniciativa emprendedora poderá solicitar un único servizo Alento e escoller, dentro da base de empresas provedoras do programa, aquela que desexa que o desenvolva. As prestacións finais adaptaranse á realidade de cada proxecto e serán acordadas entre a empresa beneficiaria e a provedora.

Proxectos con potencial de crecemento

O programa está dirixido a iniciativas emprendedoras de orixe galega, tanto persoas autónomas como pequenas empresas, que desenvolvan unha actividade económica en calquera sector cunha antigüidade máxima de 42 meses e teñan a condición de persoa usuaria dalgún dos Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Xunta de Galicia no momento de presentación da solicitude.

Nesta terceira edición terán especial consideración os proxectos empresariais que destaquen pola súa innovación, polo emprego da tecnoloxía, pola súa localización en zonas rurais ou semiurbanas ou pola súa vinculación con ámbitos estratéxicos.

Alento está promovido polo Clúster da Comunicación de Galicia en colaboración coa Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, no marco dun convenio entre ambas as entidades para impulsar o crecemento e a consolidación de proxectos emprendedores galegos a través da comunicación, a visibilidade e a estratexia de marca.