Adriana Domínguez no congreso Flúor: “A creatividade ten moito de valentía”

Flúor celebrou este xoves na sede de Afundación de Pontevedra a xornada principal da súa oitava edición, organizada polo Clúster da Comunicación de Galicia baixo o lema ‘O valor de elixir’ e con continuidade este venres con diferentes obradoiros no Sanatorio. O congreso galego de marketing, comunicación e creatividade reivindicou o bo facer, a construción de marca e a dimensión humana dunha industria en pleno cambio tecnolóxico, sen ignorar o papel da intelixencia artificial e das novas ferramentas como motores de transformación cando se poñen ao servizo do criterio, da estratexia e das ideas transformadoras.
A xornada principal de Flúor 2026 arrincou coa inauguración oficial na sede de Afundación de Pontevedra, nun acto no que participaron Alberto Garnil, presidente do Clúster da Comunicación de Galicia e director do congreso; Luis López Diéguez, presidente da Deputación de Pontevedra; José López Campos, conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia; e Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra. A apertura contou tamén coa presenza doutras autoridades e representantes institucionais, como Pedro Rojo, secretario xeral de Medios; Pablo Fernández, secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais; Xosé Manuel Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia; Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra; e membros da xunta directiva do Clúster da Comunicación de Galicia.
Un dos momentos máis destacados da xornada foi a intervención de Javier Campopiano, Global Chief Creative Officer en Omnicom Advertising e un dos grandes nomes internacionais da publicidade, cunha traxectoria recoñecida con máis de 200 Leóns de Cannes. Na súa conferencia ‘Unha vez estivemos aquí. Unha charla entre a nada e a transcendencia publicitaria’, Campopiano reivindicou o sentido humano e vocacional do traballo creativo, lembrando que “o valor dunha marca é igual ao que che dá menos o que che quita”. Tamén defendeu a importancia de confiar no criterio propio antes que delegar o proceso creativo na intelixencia artificial: “Por que relegar o pracer que me dá a miña tarefa como creativo noutra cousa?”, formulou durante a súa intervención.
Adriana Domínguez explicou como aplica a creatividade na súa empresa
A xornada contou tamén coa participación de Adriana Domínguez, presidenta executiva de Adolfo Domínguez, entrevistada por Xisela López, directora creativa executiva en Sra. Rushmore, nunha conversa titulada ‘Adriana en 4 actos’. A directiva repasou o proceso de transformación creativa e comunicativa da firma, desde campañas como ‘Esto no es un selfie’, ‘Yo no soy Adolfo’, ‘Sé más viejo’ ou ‘Impermeable’, ata a consolidación dunha metodoloxía propia de traballo para preservar o carácter de marca de autor. Nesa mesma liña, afondou no proceso interno de creación en Adolfo Domínguez a través do método propio Ágora, unha dinámica que a firma activa en cada colección e na que os equipos creativos se afastan durante varios días das tendencias para traballar a partir da arte, a literatura e distintas disciplinas culturais. “A creatividade ten moito de valentía porque significa empezar cunha páxina en branco”, sinalou Domínguez, quen explicou que o seu papel como presidenta executiva é “crear un espazo” para que a promesa da empresa de ser marca de autor se traduza nunha metodoloxía real. A directiva defendeu ademais a beleza como unha forza social e non como algo frívolo: “A moda fala da importancia da beleza no mundo, non é algo frívolo, é unha forza que nos inspira ao bo facer, non quere dicir algo perfecto, cremos na imperfección”.
Marcas como Ducati, CUPRA ou TOUS como casos de éxito
Ao longo do día, Flúor reuniu ademais profesionais como Carlos López Panisello, director xeral de Ducati para España e Portugal, que abordou a capacidade dunha marca para xerar desexo e comunidade; Iria Pérez Gestal, directora de Comunicación Corporativa e Relacións Institucionais en TOUS Jewelry, que defendeu o valor do produto dentro do capital simbólico dunha firma; Esther Morell, directora de Marketing e Comunicación de ILUNION, que reflexionou sobre o valor humano nas marcas e empresas; e Nacho Padilla, responsable de marca e publicidade de Renfe, que puxo o foco na importancia de comunicar con estratexia desde as institucións públicas.
A programación incluíu tamén a mesa redonda ‘Non é influencia, é media: creadores de contido como parte da estratexia de marketing’, impulsada por AVANTE, con Romina Fernández, Alberto Baamonde, Jose Ángel Gómez Iglesias, Defreds, e Ángel Currás, creador de contido en @oveyanejra_, baixo a moderación de Rocío Carreiro. Xa pola tarde, Sergio Mutis, Global Head of Marketing Communications and Innovation en CUPRA, repasou a construción da marca en España; Miguel de la Cierva conversou con Carlos Crespo sobre O Náutico de San Vicente como proxecto cultural e emocional; e o bloque Speed Marketing reuniu casos galegos de Quescrem, Viña Costeira e Henko Sports. A xornada pechouse con Santiago Miguélez, director Global de Marketing Operativo en Hijos de Rivera, que repasou algunhas das decisións que marcaron os 120 anos de historia de Estrella Galicia.
Flúor continuará este venres 15 de maio no Sanatorio cunha segunda xornada de carácter máis práctico e experiencial. O programa incluirá catro obradoiros de aforo reducido, unha dinámica de networking, un Speed Dating de Talento entre axencias creativas e estudantes universitarios seleccionados, e a final da Olimpiada de Creatividade, na que cinco equipos de universitarios defenderán as súas propostas ante un xurado profesional a partir dun briefing real lanzado por Avlo, a marca de Renfe.
Con esta edición, o congreso reforza o seu papel como punto de encontro da industria e de influencia a nivel nacional, reunindo durante dous días profesionais de prestixio internacional, empresas, axencias, marcas e talento novo arredor da creatividade, a estratexia, a innovación e a comunicación. Flúor conta co Concello de Pontevedra como colaborador principal; coa Xunta de Galicia e Galicia Calidade, Recados Carmen, Deputación de Pontevedra, Raiola Networks e ABANCA como colaboradores Ouro; e con AVANTE e Sutag como colaboradores Prata.


