A xornalista galega María Rey, Premio Honorífico de Comunicación dos IX Premios Paraugas do Clúster da Comunicación de Galicia

A xornalista galega María Rey, Premio Honorífico de Comunicación dos IX Premios Paraugas do Clúster da Comunicación de Galicia
María Rey (Vigo, 1967) será recoñecida co Premio Honorífico da Comunicación dos IX Premios Paraugas, que se celebrarán o próximo 22 de novembro en Ferrol. O Clúster da Comunicación de Galicia destaca con este galardón a ampla traxectoria da xornalista viguesa, un dos rostros máis coñecidos da televisión polo seu paso por canles como TVE, Antena 3 ou Telemadrid, onde presenta actualmente o programa diario 120 minutos. Así mesmo, o Clúster da Comunicación de Galicia pon en valor o seu papel como presidenta da Asociación da Prensa de Madrid, cargo que ocupa desde 2023.
Licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid, iniciou a súa carreira en Galicia, na Cadena Ser. Posteriormente, traballou para TVE, Efe TV, Radio Vigo, La Región e Atlántico Diario. Durante 25 anos traballou en Antena 3, onde chegou a copresentar, xunto a Pedro Piqueras, o telexornal da fin de semana. Na mesma canle exerceu como correspondente parlamentaria, chegando a converterse en presidenta da Asociación de Periodistas Parlamentarios, da que forma parte como membro da Junta Directiva na actualidade. Ademais, recibiu o Premio Luis Carandell de Periodismo Parlamentario, dúas Antenas de Plata e un Premio Iris á mellor presentadora de programas autonómicos. Foi vicepresidenta 1.ª para Asuntos Profesionales da Asociación da Prensa de Madrid (APM) desde novembro do 2019 ata outubro de 2023, cando se converteu en presidenta da mesma.
Os IX Premios Paraugas destacarán os mellores traballos da comunicación, o márketing e a publicidade de Galicia
Os IX Premios Paraugas celebraranse en Ferrol por segundo ano consecutivo. O 22 de novembro será a noite na que a industria galega da comunicación e o márketing lucirá os seus mellores proxectos, para recoñecer aos máis destacados en diferentes categorías.
O Clúster da Comunicación de Galicia organiza este certame desde o ano 2016 e con el procúrase poñer en valor a calidade do traballo feito desde a comunidade, así como destacar a función da creatividade, o deseño, a impresión, a edición, o márketing, a comunicación e os eventos como medio para aumentar a competitividade e a capacidade de innovación do tecido empresarial de Galicia. Neste sentido, os diferentes premios valorarán a aqueles traballos ou estratexias de creatividade que destacan pola súa innovación, funcionalidade, boas prácticas e resultados obtidos.
Ademais, durante os Premios Paraugas outorgaranse dous recoñecementos especiais, o Premio Novos Talentos -dirixido a mozos de entre 18 e 25 anos, profesionais ou estudantes- e o Paraugas de Ouro, considerado o máis grande do certame, xa que se outorgará ao proxecto que destaque de forma especial por encima dos seus competidores, de calquera categoría. En total, durante a gala, entregaranse 18 premios, incluído o novo Premio do Público, que se entregará este ano por primeira vez e que será froito das votacións do público xeral aos premios finalistas a través da web.
O Clúster da Comunicación de Galicia
O Clúster da Comunicación de Galicia ten o obxectivo de reunir aos profesionais do sector, a toda a cadea de valor da industria en Galicia, poñendo en valor ás súas empresas e profesionais do márketing, comunicación, deseñadores, creativos, axencias de publicidade, axencias de medios, eventos ou impresores. Actualmente está integrado por 233 entidades, entre as que se atopan empresas, asociacións e centros tecnolóxicos ou de formación.
Fotografía da premiada: Miguel Berrocal – APM