A Axencia Galega de Innovación organiza a xornada ‘Da idea ao resultado. Casos de éxito do deseño galego’ este 26 de setembro
A Axencia Galega de Innovación organiza a xornada ‘Da idea ao resultado. Casos de éxito do deseño galego’ este 26 de setembro, dentro do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – DIFERENZA
A xornada ‘Da idea ao resultado. Casos de éxito do deseño galego’ terá lugar o 26 de setembro na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela. Está organizada pola Axencia Galega de Innovación dentro da axenda do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – DIFERENZA.
O obxectivo da xornada é difundir casos prácticos de aplicación do deseño que poidan servir de inspiración a entidades e empresas galegas de todos os sectores, facilitar novas vías de colaboración entre estas e profesionais do deseño e crear referentes para os estudantes das escolas de deseño.
As persoas asistentes poderán coñecer de primeira man varios casos de uso nos que se revela o potencial do deseño para favorecer a diferenciación, a funcionalidade, a experiencia de usuario, a sustentabilidade e a accesibilidade, entre outros factores.
As cinco empresas participantes expoñerán a necesidade que orixinou os seus proxectos, as colaboracións con profesionais do deseño para desenvolvelos, as dificultades atopadas e como se abordaron e os beneficios obtidos da aplicación dos seus resultados:
Podes consultar o programa clicando aquí e acceder ao formulario de inscrición presencial neste enlace.
‘Galicia, Procesos e Formas’
Ademais, o curso tamén comeza cunha exposición sobre referentes de diferentes épocas tamén no marco do programa DIFERENZA, que foi inaugurada baixo o nome de ‘Galicia, Procesos e Formas’. Unha escolma do material da exposición coa que Galicia representou a España como país invitado na Porto Design Biennale 2023, co comisariado de David Barro.
Nela trázase un percorrido por diversos referentes actuais e históricos do deseño galego a través de obxectos, exemplos de gráfica aplicada, materiais, produtos innovadores e documentos inéditos.
A exposición estará aberta ata o 31 de outubro e pode visitarse na Fundación DIDAC (rúa Pérez de Constanti, 12, Santiago) de martes a venres (10 a 14 h e 16 a 19 h) ou sábado previa cita.