O 4º Foro da Comunicación analizou en Expourense as novas formas de comunicar

4 de novembro de 2016

Destacados profesionais da comunicación e do marketing de toda España analizaron en Ourense os distintos xeitos de facer chegar a información empresarial aos clientes. Deixaron clara a necesidade de dirixirse a eles de xeito directo e natural, empregando información de interese e honesta.

Esta foi a liña en común no 4º Foro da Comunicación de Galicia que se celebrou o pasado día 4 de novembro en Ourense e que reuníu a unha ducia de relatores e máis de 150 asistentes.

Entre os temas tratados cobrou un especial protagonismo o mundo online e a estratexia de marca. Todo isto resumiuno o Digital Manager de Estrella Galicia, Francesc Pumarola, sentenciando que “o contido é o rei, pero a canle de distribución que empregas para transmitilo é a raiña”.

A conferencia inaugural foi conducida polo director do programa de dirección en comunicación corporativa IE Business School, Enrique Sueiro, quen ao longo da súa traxectoroia profesional ten asesorado a máis de 3.000 directivos de distintos ámbitos. Sueiro explicou as claves do principio PePa (Primeiro as Persoas, Despois os Papeis) indicando que “comunicar de xeito entrañable e humán é empresarialmente sostible e rendible” e que se necesita “escoitar para comprender, ser honestos e verdadeiros e transmitir coherencia contando o que se fai e facendo o que se di”.

O programa continuou cunha mesa redonda que xirou sobre estratexias de transformación  dixital e na que participaron responsables de comunicación e social media de empresas galegas punteiras como Estrella Galicia, Galejobs, R Cable e Elogia. Óscar Reboiras, de R, comentou que “para comunicar a través das redes é preciso ter un plan e unha estratexia” e informou que as claves da súa empresa para conectar cos seus clientes son o emprego do humor, o vencello ao territorio galego, a tecnoloxía e o corporativismo. Pola súa parte, a responsable de Comunicación de Galejobs, Ana Veiga, indicou que “a xente é a dona da información que hai na Rede, construímola entre todos.  Internet non é un mundo novo, é unha nova ferramenta dun mundo que xa existe”.

Lucía Gómez, Social Media Manager de Elogia, explicou que “ao mundo dixital hai que adaptarse día a día. A forma de comunicar de hoxe pode non servir mañá” e explicou o concepto de “Inbound marketing”, unha metodoloxía que combina técnicas de marketing e publicidade e que ten o obxectivo de contactar cun cliente dende o principio do seu proceso de compra e acompañalo para cada unha das etapas de maduración ata a transacción final. Por último, Francesc Pumarola de Estrella Galicia, “hai que analizar qué soportes empregamos para chegar ao cliente porque cada un ten unha regras diferentes e non é o mesmo comunicar en Facebook que en Twitter ou Instagram, non serve a mesma mensaxe”.

Este Foro da Comunicación tratou tamén a relación existente entre os directores de comunicación (DIRCOM) e os xornalistas que foi abordado polo xornalista Luis Fraga. Coa súa ponencia “podemos levarnos ben?” explicou que as claves para un bo entendemento entre as dúas partes son o emprego de información veraz, honesta e de interese.

A sesión de mañá rematou coa ponencia sobre cómo abordar a información sobre saúde que correu a cargo do xornalista de El País e presidente da Asociación Nacional de Informadores da Saúde, Emilio de Benito.  Indicou que é un tema moi sensible no que convén ser prudentes xa que é unha información que pode ter moita repercusión social e que non pode corrixirse cunha “Fé de Erros”.

A sesión de tarde comenzará cunha conferencia sobre Marketing político de man de Xavier Martínez Rolán, profesor na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo que definiu “as redes sociais como caladoiros de votos” e presentou como conceptos como o “astroturfing” no que se crean perfís falsos para criticar a políticos.

Neste 4º Foro participou o responsable de desenvolvemento de negocio de Google para España e Portugal, Adolfo Fernández, quen falou  sobre as oportunidades e as sinerxias da comunicación on-line indicando que os fundamentos do marketing non teñen cambiado coas novas tecnoloxías “o marketing é o de sempre, construír marcas, é dicir, crear coñecemento e chegar ao consumidor de xeito eficiente creando historias que conecten a través das emocións. Indicou que o que sí ten mudado é “o comportamento do consumidor que pode interactuar de xeito directo coa marca e que cada vez está maís conectado e informado”. Fixo referencia á dependencia que temos do móvil, unha ansiedade que Google denominou como “Nomophobia”. “Google è o noso amigo e o noso confesor. A pregunta máis demandada é ¿Còmo ser…? (feliz, modelo, millonario, hacker o youtuber…)”.

A cuarta edición do Foro da Comunicación continuou coa ponencia dun dos publicistas españois de maior relevencia, Marçal Molíné, que fixo un repaso pola súa traxectoria “De Bernbach a MMLB” e que indicou que “os fundamentos do traballo publicitario son os mesmos que antes da existencia das redes sociais, buscar o impacto, pero hai que adaptarse a elas. O fondo é o mesmo pero cambian as formas”.

A conferencia de clausura correrá a cargo de José Luis Bonet, presidente da Cámara de Comercio de España e de Freixenet, así como do Foro de Marcas Renombradas Españolas.  Durante a súa intervención falou do proceso de internacionalización con marca, utilizando como estratexias principais o marketing e a comunicación.

Este programa de conferencias completouse cun Área Expositiva na que distintas asociacións profesionais e empresas presentaron os seus produtos e servizos: AVANTE, Galejobs, TAC!, a revista especializada Rúbrica, DIRCOM, Markea, Galicia Calidade ou a Asociación Galega de Ferias e Eventos – AGAFE.

Para organizar o programa deste Foro, Expourense contou coa colaboración activa das  Facultades vencelladas coa Comunicación da Universidade de Vigo e a Universidade de Santiago, o Clúster da Comunicación Gráfica de Galicia e asociacións como MARKEA (Asociación Galega de Marketing), DIRCOM Galicia (Asociación de Directivos de Comunicación de Galicia),  Creatividade Galega e da Asociación Galega de Deseñadores Gráficos.

O apoio da Consellería de Economía e Industria, a través do IGAPE, da Deputación Provincial de Ourense e da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia fixeron posible que esta innovadora acción formativa fose de acceso gratuito para profesionais do sector, xa que o seu obxectivo é fomentar a competitividade das PEMES de Galicia. Entre os asistentes que se pudieron beneficiar da acción están tanto profesionais en activo de toda Galicia coma futuros profesionais de distintas provincias galegas.

Unha vez rematado este FORO, comezará o acto de entrega dos Primeiros Premios da Comunicación e Marketing de Galicia, denominados “Premios Paraguas” promovidos polo Clúster da Comunicación Gráfica.