GALICIA DESIGN WEEKEND-Festival do deseño-30 e 31 xullo

GALICIA DESIGN WEEKEND-Festival do deseño-30 e 31 xullo

23 de xullo

O Galicia Design Weekend chega á Coruña

O Galicia Design Weekend mostrará o mellor do deseño galego xunto con referentes internacionais

O festival de deseño pioneiro en Galicia vén de lanzar a súa web gdw.gal e unha app que poderá descargarse nos próximos días

A cidade gozará de dous días de conferencias, charlas e proxeccións, que precisan inscrición previa, e as exposicións permanecerán ata o 29 de agosto na Fundación Barrié e nos Cantóns

O Galicia Design Weekend, festival de deseño pioneiro na comunidade, chega á Coruña o venres 30 e o sábado 31 de xullo cun formato híbrido, presencial e online, que reunirá o mellor do deseño galego xunto con referentes internacionais. #GDW21 vén de lanzar a súa web www.gdw.gal con toda a información sobre o evento e unha app propia que terá contidos durante todo o ano e servirá como plataforma de relación da comunidade GDW: público, colectivo creativo, institucións, patrocinadores, socias e organización. A app estará dispoñible nos próximos días nas principais plataformas.

O público poderá gozar do Galicia Design Weekend de forma gratuíta en catro eixos diferenciados: o Pro, con dous días de conferencias, charlas e proxeccións; o Showcase, que inclúe dúas exposicións dedicadas ao deseño; o Showroom, un escaparate dixital de creacións e espazos de deseño galegos, e o Creative Camp, cun obradoiro físico na Fundación Luis Seoane o sábado pola mañá e un portfolio review dixital dirixido a estudantes e xente moza profesional do sector.

O Pro do Galicia Design Weekend terá lugar na Fundación Barrié os días 30 e 31 de xullo de 10:00 a 20:00 horas e acollerá dous días enteiros de conferencias e charlas con profesionais de referencia do deseño en Galicia e a nivel internacional que poderán seguirse de forma presencial ou online. Tamén incluirá a proxección de documentais de deseño seleccionados pola Asociación Galega de Deseño (DAG) os dous días de 16:00 a 17:15 horas. Para poder asistir é necesario obter a entrada gratuíta na plataforma www.dice.fm.

No Showcase haberá dúas exposicións dedicadas ao deseño que estarán desde o 30 de xullo e ata o 29 de agosto en diferentes espazos da cidade. A Fundación Barrié acollerá a expo #omellordeseñodoano, cos traballos e traxectorias galegas premiadas en diferentes certames de prestixio internacional. Por outra banda, os Cantóns serán o escenario na rúa da exposición #novodeseñogalego, cunha mostra do mellor talento emerxente da comunidade.

O Showroom será un escaparate dixital de creación e espazos de deseño galegos na web do festival.

A Fundación Luis Seoane é o lugar escollido para levar a cabo o obradoiro do Creative Camp o sábado pola mañá. E estudantes e mozos e mozas profesionais do deseño poderán amosar o seu traballo a profesionais do sector nun portfolio review online. Ambas iniciativas teñen xa aberta a súa convocatoria a través da web do festival.

Cara a Galicia Design Week 2022 coa sostibilidade por bandeira

Este Galicia Design Weekend, cun formato reducido de fin de semana, marca o camiño cara ao primeiro gran festival do deseño de Galicia, o Galicia Design Week, que terá lugar en xuño de 2022 e que se incluirá no circuito de citas internacionais de cidades como Barcelona, Londres, Nova York ou México.

O #GDW21 ten como obxectivos principais achegar o deseño ao gran público, fomentar a conexión e intercambio creativo de A Coruña e Galicia co exterior, impulsar o tecido profesional e o patrimonio cultural galego e formar a novas xeracións. Ademais, conta cun completo programa de desenvolvemento sostible nos eidos ambiental e social. Así, a pegada de carbono do festival será comunicada e compensada coa compra de dereitos de emisión de CO2 a proxectos galegos sostibles, e toda a infraestrutura e materias son reciclados ou libres de PVC. O evento ten tamén un plan específico para minimizar o impacto ambiental e ten en conta a inclusión e a perspectiva de xénero en todas as súas accións.

O festival conta cun consello asesor formado por profesionais de referencia de Galicia e está organizado pola axencia Follow e o Clúster da Comunicación de Galicia, coa Asociación Galega de Deseño (DAG) como socia. As institucións patrocinadoras son a Xunta de Galicia, a través do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021-2022 e da colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN), o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña e a Deputación da Coruña. Tamén colaboran co festival a Fundación Barrié, a Fundación Luis Seoane, a Fundación DIDAC, Studio Follow, o FAD, DICE, Verde e Miraveo.

Cluster da Comunicación de Galicia

Proxecto cofinanciado por: